Conversas, 25 de xaneiro do 2024 – Tras o parón de nadal retomamos as conversas con políticos e hoxe falamos coa voceira de Compostela Aberta, e , Primeira Tenente de Alcaldesa de Santiago, María Rozas.
A coalición formada por BNG e Compostela Aberta non tivo tempo de preparar o traballo, o mesmo día da toma de posesión da alcaldesa o PP convocaba aos medios para criticar o acordo e non deixaron nin unha semana de facer críticas ao traballo do goberno municipal. Comezamos falando de estes primeiros seis meses que foron intensos pero nos que tamén se sacaron cousas adiante.

María Rozas volve ao goberno municipal despois do mandato socialista. Aínda que as tarefas que asume ( as de dereitos e servizos sociais, promoción económica e xuventude, entre o 2015 e 2019 foi responsable de Economía, Facenda e Administración) son distintas ás da súa anterior etapa, preguntámoslle por si notou diferenza en este retorno. Recoñece que hai cuestións das que non se fala demasiado e que si foron claramente a peor, o período medio de pago é un exemplo.
Cando se fala do concello de Santiago sempre da a impresión de que internamente é un organismo moi complexo e difícil de manexar. Os problemas dos departamento de urbanismo, as lentas tramitacións, os pagos… María Rozas recoñece esa situación pero tamén que se debe a múltiples causas; algunhas das principais o retraso na implantación da administración electrónica ou a falta de persoal.
Entrando nas áreas da súa competencia hai que falar de servizos sociais. Trátase dun departamento que a veciñanza no soe valorar convenientemente pero sen embargo cando o necesita a esixencia e máxima. A axuda no fogar, o asesoramento en situacións de pobreza, protección da infancia, as persoas sen fogar. En realidade Servizos Sociais toca a todos os departamentos dun concello e preguntamos por esa transversalidade.
Un dos proxectos que xeran máis debate é o de orzamentos participativos. O exemplo que sempre se usa é o de Porto Alegre, en Brasil, unha referencia mesmo para as Nacións Unidas xa que foi a que iniciou os orzamentos participativos en 1989. O certo é que a documentación sobre o conseguido por esta cidade é abundante e anima a intentalo.
Ao longo do mandato teremos tempo de desenvolver máis temas. A adxudicación do SAF, as campañas de comercio ou mesmo os resultados dos orzamentos participativos darán para máis conversas. Serva esta primeira para sentar as bases do que será este mandato no departamento de María Rozas.