Compostela, 13 de outubro do 2022 – Hai uns días rematou a XIX edición de Curtocircuíto, un festival ao que chegaba hai dez anos Pela del Álamo. Conversamos con quen é, en boa medida, o responsable do crecemento e diversificación que viviu o festival ao longo de estes anos.
A 2022 foi unha edición marcada, en certo modo, por unha saturación de actividade cultural provocada pola intención de todos os organismos de recuperar o tempo perdido en pandemia. A valoración de Pela pon de manifesto que esa presa non sempre é seguida polo público que segue mantendo unha certa reserva sobre asistir aos eventos e moito menos se lle obrigas a elixir. Un ano posiblemente de transición pero que ten para o director unha boa valoración
Ese esforzo das administración por desenvolver eventos pendentes era necesario porque de non facelo a crise económica para o sector sería aínda máis profunda. Por outra banda esa saturación crea un falso escenario que acabará por caer. Pela del Álamo vota en falta un interese das administracións en xeral por crear unha infraestrutura sólida que marque o camiño nos próximos anos
Compostela engade a esa complexidade dúas características que a condicionan. Por unha banda a gran cantidade de espazos que ofertan cultura. Pela del Álamo conta que tiveron momentos nos que se programaron ata 3 eventos en paralelo co festival. En segundo lugar o turismo que acaba por condicionar todo, desde a economía ata os públicos. Aparece de novo esa sensación de que todo o que non sexa turismo queda nun segundo plano.
O actual Curtocircuíto é en boa medida consecuencia do traballo de Pela del Álamo nos últimos dez anos. Un certame moito máis diverso, no que o cinema é o eixo central dunha máquina ben engraxada que trae a Compostela propostas musicais, performances, e que reserva un oco para a recuperación de patrimonio como sucedeu este ano coas vellas películas de Granell ou en edicións anteriores co traballo do Cine Club Compostela.
Pela del Álamo levou ao festival a un nivel de calidade recoñecida en toda Europa. O seguinte paso sería acadar un maior alcance, algo que segundo o director non sería moi complicado si se implica todo o mundo
A Seminci, o Festival de Donosti ou Sitges son exemplos de eventos que poñen no mapa ás cidades a que pertencen. Entramos con Pela nunha conversa que sempre está presente na cidade como é o papel e o peso que debe ter a cultura en Compostela. O director non considera que Santiago precise destacar máis do que xa o fai a nivel internacional, si precisa tal vez mostrase doutro xeito.
Se queredes escoitar a conversa completa, e de paso colaborar con Lindeiros, a tedes clicando en Bymeacoffe
Entrade e axurdarnos a seguir facendo contidos de calidade.
A Cultura é tamén unha industria moi potente como o demostra a cantidade de editoras, librerías, galerías de arte, talleres de artesáns ou produtoras que levan anos asentadas aquí. Pela del Álamo ten unha idea bastante clara da situación do sector e das posibilidades que ofrece, escoitalo abre os ollos e as ideas
Pela del Álamo remata este ano o contrato e ten a intención de presentarse de novo para seguir dirixindo Curtocircuíto. Como en outros moitos sectores, as institucións deberían escoitar máis aos que saben, aos que traballan cada día e o aínda director de Curtocircuíto é un bo exemplo diso. Unha conversa que se fixo curta e ao mesmo tempo que nos deixa un poso no que pensar e do que aprender.