Conversas, 19 de xaneiro do 2024 – Esta fin de semana chega ao Auditorio de Galicia “Iribarne”, unha peza teatral escrita por Esther Carrodeguas e dirixida por Xabier Castiñeira.

A obra repasa a traxectoria pública de Manuel Fraga Iribarne. Unha representación coas entradas esgotadas desde hai días pero que se representará en distintos puntos da xeografía nos vindeiros meses.
“Iribarne” é un traballo que, máis alá da figura do político, mostra unha parte da historia do noso país. Unha peza longa, tres horas de duración, que resulta case unha triloxía posta en escena nunha única función.
Lindeiros conversa con Esther Carrodeguas, a autora, sobre o que supuxo este libreto xa que cando un pensa na figura de Fraga Iribarne as tres horas case que semellan pouco. A autora recoñece que o comezo foi moi laborioso e que dou moito traballo.
A obra ven de representarse en Madrid e preguntámonos si haberá unha diferencia entre o que sente un galego sobre a figura do ex presidente da Xunta ou unha persoa do resto de España. Esther cre que non e valora moi positivamente a reacción dos espectadores da capital.



“Iribarne” é o resultado dun traballo de case dous anos e medio. Esther Carrodeguas e Xabier Castiñeiras, o director, forman a compañía Butaca Cero e decidiron investigar esta figura política, entre outras razóns, para coñecer unha etapa da historia que non viviron e que ten moito que ver como que sucede hoxe en día.
Detrás do texto está a posta en escena, unha parte da obra que ten interese por si mesma. Levar o libreto ao escenario supuxo para os actores un esforzo por aprender distintas técnicas de interpretación que supuxo, segundo a autora, un auténtico Tour de Force.
Ademais da función de mañá sábado hoxe, ás 19.00h, tamén no Auditorio de Galicia, os artistas ofrecerán un encontro aberto ao público dentro das accións #conversando promovidas por Compostela Cultura (de acceso libre ata completar a capacidade da sala).
“Iribarne” é unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e a Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia. Tras a representación en Compostela continuarña a xira con datas confirmadas Pontevedra, A Coruña, Lugo, Ribadavia, Barco de Valdeorras, Vilagarcía de Arousa, Tomiño, Cangas, Narón, Miranda del Ebro, Bilbao e Vitoria. Tanto estas datas, como as que se vaian sumando, pódense ver na web de Butacazero.