Lousame, 12 de xullo do 2018 – A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo escoitou onte as reclamacións da Asociación Petón do Lobo sobre a contaminación nas minas de San Fins en Lousame.
Xosé Manuel Romarís, mariscador da ría de Noia que falou en representación do colectivo, reclamou a realización dunha auditoría exhaustiva da situación do grupo mineiro de San Fins. A petición contou co apoio das eurodeputadas Ana Miranda, Lidia Senra, Ángela Vallina, António Marinho e Judith Kirton-Darling. Romarís explicou que as presas das antigas minas de Lousame, situadas na canle do río San Fins, están colmatadas de materiais mineiros e a auga presenta concentracións anómalas de determinados elementos químicos como o cadmio. Unha hipotética rotura das presas, algunha delas xa con fendas importantes, podería producir un impacto ambiental sen precedentes augas abaixo, cos efectos conseguintes na ría e no marisqueo.
A continuación a Deputada Lidia Senra, tras escoitar as respostas dadas ao representante da asociación, tomou a palabra para explicar que se sentía “frustrada e enfadada” polas respostas que habitualmente da a Comisión as denuncias de este tipo. Para Senra “Estamos a falar dunha situación na que existen analíticas que demostran que á saída da mina os niveis de contaminación nas augas debido aos materiais pesados son alarmantemente altos, e dun informe realizado o ano pasado no que se advirte da posíbel ruptura dunha das presas da mina e que iso podería producir un importante impacto ambiental”. Para a eurodeputada galega resulta totalmente intolerábel non só que a CE afirme non ter atopado ningunha irregularidade, senón tamén o feito de que mesmo na comunicación dirixida ás persoas membras do Parlamento Europeo se afirme que a CE non vai realizar máis indagacións sobre esta petición. “Que é o que ten que pasar para que a Comisión Europea deixe de mirar para outro lado e asuma as súas responsabilidades? Constátase unha vez máis como a CE está a poñerse de perfil ante gobernos como o da Galiza, que non están a tomar ningunha medida para solucionar esta situación”, lamentou.
Por outra banda, ao fío desta denuncia na Comisión de Peticións, Lidia Senra quixo tamén abordar unha cuestión que a miúdo é expresada por persoas ou organizacións que rexistran casos nesta Comision, así como noutros contextos: “A falta de información e a dificultade para acceder aos expedientes dos proxectos, os prazos excesivamente curtos e en épocas de vacacións ou de máis traballo no agro, ou a falta de información directa ás persoas afectadas, está a ser habitual e sistemática; tanto a nivel do Estado como do Goberno da Galiza. Isto é absolutamente intolerábel. Déixanos na total indefensión, a cidadanía vese obrigada a estar pendente dos prazos e moitas veces chegan in extremis para poder presentar as alegacións pertinentes”.