Melide, 6 de xullo do 2019 – José Manuel Pérez, alcalde de Melide, asinou os decretos de nomeamento das áreas de goberno, así como a constitución da Xunta de Goberno Local, as propostas de comisións e as datas dos plenos ordinarios así como a creación dun posto de xefe de Gabinete da Alcaldía.
As catro tenencias de Alcaldía do novo goberno local serán a primeira para o portavoz do PSOE José Antonio Prado segundo o acordo de goberno asinado entre Adiante Melide e o PSOE, a segunda tenencia de Alcaldía será para Xosé Igrexas de Adiante Melide, a terceira para María Jesús Iglesias do PSOE, e a cuarta para Mayka Basalo Santín de Adiante Melide, estes formarán tamén parte da Xunta de Goberno Local, xunto co alcalde.
Con respecto as áreas do goberno estas divídense en sete:
– Área de Presidencia, Persoal, Obras e Servizos que será ocupada polo alcalde José Manuel Pérez.
– Primeiro tenente de Alcalde e concelleiro de Urbanismo, Deportes e Comunicación estará ocupado por José Antonio Prado.
– Segundo tenente de Alcalde e concelleiro de Promoción Económica, Facenda, Industria, Traballo, Seguridade Cidadá e Medio Rural estará ocupado por Xosé Igrexas.
– Terceira Tenencia de Alcaldía e concelleira de Cultura, Normalización Lingüística e
Turismo estará ocupada por Mayka Basalo.
– Cuarta Tenencia de Alcaldía e concelleira de Educación estará ocupada por María Jesus Iglesias.
– Concellería de Política Social, Mocidade e Saúde estará ocupada por María Carmen Liñeira.
– Concelleiría de Participación e Transparencia estará ocupada por José María Santín Amo.
Tamén se levará a Pleno para a súa aprobación o vindeiro martes ás 20:00 h a proposta da Alcaldía de que no goberno local haxa tres dedicacións exclusivas conforme se acordou no pacto de goberno, dúas para membros de Adiante Melide que serán unha para Xosé Igrexas cun importe de 34.000 euros, e a outra para María Carmen Liñeira por un importe de 30.000 euros. A terceira dedicación sería para o primeiro tenente de alcalde José Antonio Prado por un importe de 43.000 euros. No seu conxunto, a contía económica non supera a cantidade global que tiña o goberno do Partido Popular asignada para eses soldos durante o seu mandato, sendo en cambio superior este equipo ao anterior en número de persoas que traballarán na administración local ao servizo dos veciños e veciñas de Melide.