Compostela, 14 de febreiro do 2018 – O Consorcio de Santiago acaba de licitar o servizo de conservación e restauración do cortaventos da porta principal da capela de San Roque, situada na rúa Santa Clara, por un importe de 22.000 euros. As empresas interesadas teñen de prazo ata o 19 de febreiro para presentar as súas propostas. Prevese un período de execución de seis meses.
Para a súa restauración podería ser necesario desmontar a carpintería de madeira de castiñeiro, co fin de recuperar os seus elementos ornamentais e ferraxes en mal estado. Preténdese eliminar a capa de verniz existente de cara a restablecer a capa de policromía orixinal. Así, reintegrarase a superficie policromada, para o que se empregarán pigmentos naturais. Por outro lado, aplicarase un tratamento antixilófagos, co fin de solventar os ataques actuais e previr os futuros.
Unha peza de gran valor histórico e artístico, ornamentada con motivos xacobeos
A profesora de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela Mª del Carmen Folgar de la Calle realizou un estudo histórico desta peza de gran valor histórico e artístico. Tal como se recolle neste estudo, as orixes da capela de San Roque están relacionadas coas consecuencias dunha peste, que, en tempos do arcebispo Alonso III de Fonseca, asolou a cidade de Santiago a finais do ano 1516.
Debido a que en 1775 se iniciaron obras na fachada, considérase necesario o ensanche da porta principal e a colocación dun cortaventos, que se precisa “para preservar de polvo y ayres la capilla y sus retablos”. A súa instalación demorouse ata 1781.
O cortaventos acota na entrada da capela un pequeno espazo, a modo de portal (zaguán). Ornamentado con motivos xacobeos, procede da catedral de Santiago e está datado a finais do século XVII. Noutra época formou parte das portas do cruceiro da catedral.