Bisbarra, 18 de novembro do 2022 – O Consello da Xunta de Galicia aprobou o plan de sustentabilidade turística presentado pola Asociación Rural de Desenvolvemento da Ría Muros-Noia.
O acordo autoriza a a subscrición dun convenio de colaboración coa Axencia Turismo de Galicia. Este convenio suporá para a Ría de Muros Noia un investimento de dous millóns de euros no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea NextGeneration EU.
O obxectivo dos plans de sustentabilidade turística en destino é implementar actuacións de impulso da sustentabilidade turística na súa tripla vertente: ambiental, socioeconómica e territorial, coa finalidade de beneficiar os destinos turísticos, os axentes sociais e os operadores privados do sector.
O Plan previsto no caso da Ría Muros-Noia ten como obxectivo fomentar novos produtos que axuden a desestacionalizar e diferenciar a oferta turística centrados na gastronomía e o turismo activo, aproveitando tamén as condicións da ría para a práctica deportiva.
Este proxecto engloba entre outras actuacións, o reforzo da senda litoral da ría de Muros – Noia, apostando pola apertura de novos tramos peonís e ciclistas, zonas de autocaravanas e bicicletas e a ordenación de uso en espazos protexidos.
Potenciarase tamén o itinerario cultural a Santiago, apertura de tramos históricos en desuso, mellora de núcleos urbanos non litorais no itinerario (A Serra), a posta en valor e sinalización de recursos e a posta en valor do das minas de San Finx.