Compostela, 10 de novembro do 2018 – O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na presentación do Congreso Internacional Patrimonio e Fronteira organizado pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) coa colaboración da Universidade do Minho (Portugal) e da Comunidade dos Paises de Língua Portuguesa (CPLP).
Na súa intervención, Valentín García referiuse á lingua galega como “un patrimonio inmaterial que nos une, máis ca calquera outro patrimonio, a Portugal e, con el, a todos os países que integran a CPLP, dos que nos sentimos próximos a pesar de que nos separan milleiros de quilómetros de distancia”.
Na sesión de apertura tamén participaron Georgina Benrós de Mello, directora executiva da CPLP; Rosario Álvarez Blanco e Rebeca Blanco-Rotea, presidenta do CCG e coordinadora da súa Sección de Patrimonio e Bens Culturais, respectivamente; e Luís Fonte, director da Unidade de Arqueologia da Universidade do Minho.
Ao longo de estes días expertos galegos e portugueses reuniranse no compostelán Pazo de Raxoi, sede do CCG, para debater acerca dos conceptos de fronteira e de patrimonio e como estes, nos espazos raianos, chegan a constituír lugares de intercambio, de creación de identidade e de novas realidades patrimoniais. Tamén reflexionarán sobre os modelos de xestión axeitados a este tipo de patrimonio fronteirizo. O congreso artículase arredor de tres mesas de debate, ás que seguirán cadanseu coloquio de síntese e afondamento nas intervencións precedentes.
Na primeira, Fronteiras que unen, interviron Miguel Areosa Rodrigues, da Direcção Regional de Cultura do Norte de Portugal; Iago Lestegás Tizón, do Grupo de Investigación de Análise Territorial da Universidade de Santiago de Compostela (USC); Margarida de Magalhães Ramalho, investigadora do Instituto de História Contemporânea (Lisboa) e Memorial Vilar Formoso Fronteira da Paz, e Iago Seara, da Escola de Arquitectura da Coruña.
Na segunda, Fronteiras que separan, o congreso conta coas achegas de Rebeca Blanco-Rotea, do CCG e da USC; Luís Moreira, da Universidade do Minho, e Luís Fonte, director da Unidade de Arqueologia da mesma universidade. Na terceira mesa, Construíndo fronteiras, deconstruíndo realidades, falarán Fernando Bouza, da Universidade Complutense de Madrid, e Felipe Criado-Boado, do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC e presidente da Asociación Europea de Arqueólogos.