Ames, 20 de decembro do 2016.- Este luns, 19 de decembro, reuniuse o xurado para elixir os establecementos comerciais premiados no XI Concurso de Escaparates de Nadal 2016, organizado pola Concellaría de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, e no que participaron un total de 37 comercios (20 en Bertamiráns e 17 no Milladoiro).
Tralo ditame dos membros do xurado xa se coñecen os gañadores deste concurso, que este ano son os tres do Milladoiro. O primeiro premio recaeu na floraría Rosi Redondo, situado na rúa Agro do Medio, do Milladoiro, que obtivo 56 puntos. O segundo premio foi para Puntadas de Marzo (establecemento de arranxos de confección a medida e artigos de mercería), que tamén ten o seu local situado na rúa Agro do Medio, e que obtivo 55 puntos. Por último, o terceiro premio recaeu en Arola Moda e Complementos, que está situado na Viorneira, e que sumou 51 puntos. O primeiro premio está dotado de 1.000 euros, o segundo premio é de 700 euros e o terceiro premio dispón de 400 euros.
O xurado estivo formado por un membro de cada unha das asociacións de comerciantes e profesionais existentes no Concello (Asociación de Comerciantes e Empresarios de Bertamiráns; Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro; Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira Bulebar; e Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro). Cada membro do xurado puntuou o deseño e a orixinalidade dos traballos presentados, tendo en conta tamén os criterios de composición e a elaboración propia. O xurado contou co asesoramento técnico da profesional Antonia Pinto Veloso, e dous traballadores da Concellaría de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo que actuaron como secretarios.
Premio especial do público
A maiores dos galardóns os establecementos competirán polo premio especial do público, que premiará un establecemento do Milladoiro e outro en Bertamiráns. Para iso entregáronselle a cada local 150 boletos a repartir entre a súa clientela. Os resultados das votacións para o Premio Especial do Público serán publicados ao longo do mes de xaneiro de 2017.
Os boletos, que deberán ser entregados con todos os datos cubertos e asinados no espazo reservado para elo, depositaranse nas urnas colocadas na Casa de Cultura e Casa do Concello, en Bertamiráns, ou na Casa de Cultura e Biblioteca, no Milladoiro ata o 5 de xaneiro de 2017. No caso de que algún campo se deixe baleiro, incluída a sinatura, ese boleto será considerado como nulo. Os dous locais máis votados, un en Bertamiráns e outro no Milladoiro, recibirán un talón por valor de 200 euros cada un. Os clientes e clientas que decidan votar participarán no sorteo de tres talóns valorados en 300 euros.
Xogo de pistas
Ademais, este ano o concurso presenta unha novidade respecto a edicións anteriores. Trátase do Xogo de Pistas no que participan os 37 establecementos comercias inscritos. Para o desenvolvemento deste Xogo fíxose entrega dunha chapa co logotipo do Concello de Ames, e 15 cartóns con espazos habilitados para estampar o selo dos establecementos e cubrir cos datos da clientela que queira participar.
A dinámica do xogo consiste en que a clientela debe atopar a chapa agochada nalgún punto dos establecementos participantes. Unha vez atopada a chapa o establecemento procederá a estampar o seu selo nun dos espazos habilitados para elo. Cando a persoa consiga 3 selos de 3 establecementos distintos deberá cubrir o cartón cos seus datos e depositalo nas urnas situadas na Casa da Cultura e Casa do Concello, en Bertamiráns, ou na casa da Cultura e Biblioteca do Milladoiro. Os cartóns poderán depositarse ata o día 5 de xaneiro de 2017.
Todos os cartóns que se depositen nas urnas estampados con 3 selos de 3 establecementos distintos, e cos datos persoais debidamente cubertos participarán nun sorteo de 3 cheques por valor de 500 euros. Soamente se aceptará un cartón por persoa. O resultado deste sorteo será publicado ao longo do mes de xaneiro de 2017.