Compostela, 7 de outubro do 2021 – Programación intensa no Curtocircuito co concerto de Vera Fauna, as primeiras mesas redondas e os encontros cos directores.
Vera Fauna estará as dez da noite na sala Capitol. Trátase dun dos grupos revelación do pop español deste ano que recibe a herdanza do rock andaluz dos anos 80 e o leva a un lugar máis psicodélico. A actuación estará precedida pola actuación de Da Rocha.

No Museo das Peregrinacións, 12:00, dará comezo a primeira mesa redonda que se celebrará no marco do festival. En colaboración con Proxecta – Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, analizaranse tres casos moi diferentes: o de Play-Doc con Ángel Sánchez, un festival de tamaño medio levado a cabo nunha rexión periférica; o de Filmadrid con Nuria Cubas, un festival realizado nunha capital estatal e o de Berlinale con Alejo Franzetti, un dos festivais hexemónicos no circuíto internacional.
Ás 21:00 horas no Salón Teatro terá lugar Percibir o tempo – Visións contemporáneas do Camiño, unha sesión especial que presenta unha visión poliédrica e actual do Camiño de Santiago a través da mirada de dez artistas que empregan o formato audiovisual a través de curtametraxes, diaporamas ou propostas híbridas. O pase inclúe diversos formatos como un diaporama da fotógrafa Bandia RIbeira, que está a realizar a Residencia Curtocircuíto en colaboración con Cuarto Pexigo, un proxecto de foto e vídeo de Carla Andrade, ou o traballo audiovisual de Olivia Arthur sobre unha presidiaria que fai o Camiño de Santiago para conseguir a súa liberdade.
A programación complétase coas proxeccións nas que se inclúen coloquios posteriores coas cineastas. Tralas proxeccións de Tengan Cuidado ahí fuera (Alberto Gracia), Siempre Real nunca inrReal (Colectivo Brbr, Nacho Villar, Luis Rojo) e Jo ta ke (Non-stop) (Aitziber Olaskoaga), na sección Penínsulas ás 20:15, os creadores manterán un encontro co público.
Sofia Bohdanowizc participará no coloquio de Radar, ás 22:15 horas no Teatro Principal, onde se proxecta Point and Line to Plane; Enar de Dios farao tralo segundo pase de Terra, ás 19:45 no Salón Teatro; e Guillermo Benet trala proxección de Los Inocentes, que forma parte da sección Longas x Curto e se exhibirá ás 17:00 horas no Salón Teatro.
A programación engade ademais o cuarto pase de Explora ás 18:00 horas no Teatro Principal – onde se exhibirán os traballos The Canyon, de Zachary Epcar; Frozen Jumper, de Tina Frank; earthearthearth, de Daïchi Saïto; e Berlin Feuer, de Pedro Maia–; e a actividade en liña Memorias: identidade, territorios e constructos, unha mesa que se pode seguir a través das canles de Facebook e de Youtube de Curtocircuíto e que fala sobre as raíces culturais e o territorio como o punto de partida na construcción da identidade. Nesta mesa participan os escritores Gabriel Ventura e Elena Medel, Maria do Cebreiro e modera a curadora independente Marta Ramos Izquierdo.
