Compostela, 7 de febreiro do 2025 – Comisións Obreiras (CCOO), o Colexio Oficial de Traballo Social (COTS) e o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), convocan o vindeiro luns unha concentración, ás 11h diante da sede da Xunta, na defensa do sistema público de atención ás persoas dependentes.

Toas estas organizacións forman parte do Consello Galego de Benestar Social (CGBS). No mes de novembro realizábase unha petición urxente para que a Conselleira de Política Social, Fabiola García, comparecera en este foro para tratar a situación da dependencia sen que ata o momento se tivera resposta.
As organizacións veñen tamén de solicitar unha entrevista ca Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). O motivo principal do encontro sería tratar como afectan as emendas dos orzamentos ao procedemento de recoñecemento das situacións de dependencia e discapacidade, e ás propias funcións do Consello Galego de Benestar Social.
Desde as mencionadas organizacións considérase que “é totalmente intolerábel que a día de hoxe Fabiola García siga tentando eludir unha xuntanza na que afrontar as graves eivas na tramitación da Dependencia. Unha media de 30 persoas morren cada mes nas listas de agarda. A situación é insostíbel, inhumana”

Engaden que “a precariedade do servizo é tal no noso país que Galiza ostenta a porcentaxe de solicitudes de Dependencia máis baixa de todo o Estado español: só 18 de cada 100 persoas dependentes a solicitan, desmotivadas pola falta de medios e continuas modificacións lexislativas”.
Denuncian ademais que a Consellería pretende suxerir que “un incentivo económico ás persoas que xestionan os expedientes pode alixeirar as listas, insinuando que as demoras poden deberse a unha mala praxe precisamente dunhas traballadoras e traballadores que están abafados de carga de traballo debido á falta de persoal nas equipas”.
As organizacións aseguran ter constancia “pola nosa participación no Consello Galego de Benestar Social de que a Consellaría chegou a dispor de até sete equipos sen funcionar por culpa de non ter contratado persoal para os mesmos”. Ante a tentativa da Consellaría de “evitar dar explicacións sobre as modificacións operadas en materia de Dependencia e as súas consecuencias, así como de eludir un debate público no Consello Galego de Benestar Social, CCOO, COTS e SLG-CCLL chamamos á cidadanía a secundar a mobilización deste luns 10 de febreiro ca que queremos denunciar e esixir poñer punto e final ao desleixo da administración pública nun tema esencial para a dignidade de todas as galegas e galegos como é a atención ás persoas con dependencia”.
