Ames, 22 de outubro do 2021 – O goberno de Ames reuniuse cos veciños de Biduído, Bugallido e Ortoño para poñer en común as peticións á Dirección Xeral de Mobilidade.
Da reunión saíu un documento consensuado no que propoñen como solución a ampliación de frecuencias da liña de Extramundi. O documento, e unha proposta de frecuencias, foi remitido a Mobilidade para que antes do día 31 de unha resposta ao concello que trasladar aos veciños de Biduído, Bugallido e Ortoño.
No escrito faise unha mención expresa ao Anexo ao Plan de Transporte Público de Galicia no que se di que, referíndose ao ámbito rural, “resulta imprescindible que se manteña unha oferta de transporte público atractiva, como unha obriga de servizo público e inda que para iso, na maior parte dos casos, se requira unha achega de recursos públicos”.
O documento presentado a Mobilidade está asinado polo alcalde de Ames, Blas García, e representantes dos veciños de Biduido, Bugallido e Ortoño.
