Ames, 09/03/2026 – O alcalde de Ames, Blas García, recibiu a visita do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, para valorar o avance de proxectos que ambas administracións están a desenvolver conxuntamente.
No encontro tamén participaron a concelleira de Deportes e Promoción da Saúde, Susana Señorís, e o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto. Entre os asuntos tratados destacou a mellora do campo de fútbol do Milladoiro, unha infraestrutura deportiva clave para o maior núcleo de poboación do concello.
O proxecto contempla, como mínimo, a regularización do firme do terreo de xogo e a substitución do céspede actual por un novo pavimento máis moderno e funcional. Tamén se espera renovar a antiga rede de rego e do sistema de drenaxe, co obxectivo de garantir un mellor mantemento do campo e unhas condicións óptimas de uso durante todo o ano.
Concello e Deputación traballan para definir a fórmula de colaboración que permita levar a cabo esta actuación, que se prevé executar de cara ao ano 2027.
O rexedor amesán agradeceu o apoio da Deputación da Coruña aos concellos medianos e destacou o papel desta institución como unha administración próxima e comprometida co desenvolvemento local. “Grazas ao Plan Único e aos convenios que asinamos coa Deputación podemos realizar investimentos que melloran a calidade de vida da nosa veciñanza e contribúen a dotar ao concello de mellores servizos e infraestruturas”, sinalou Blas García.
Nos último anos executáronse varias actuacións no campo de fútbol do Milladoiro por un importe de 184.254 euros. Deste xeito, construíronse uns novos vestiarios debaixo das gradas por 76.244,28 euros; executouse a reparación doutros vestiarios por 50.880 euros; adquiríronse novos banquillos móbiles por 10.500 euros; e realizouse o cambio de luces de led por 46.630.28 euros.
Proxectos comúns entre administracións
Durante a reunión tamén se fixo seguimento doutros proxectos de interese que se están a desenvolver en colaboración entre a Deputación e o Concello de Ames. Un deles é o futuro Mercado Municipal de Ames, unha actuación estratéxica incluída nas liñas de desenvolvemento do plan Conecta Ames.
Este proxecto está contemplado no Plan Edil e contará cun investimento total de tres millóns de euros, financiados a partes iguais pola Deputación da Coruña, o Concello de Ames e a Xunta de Galicia.
Outra das actuacións abordadas foi a mellora da estrada provincial DP-0205, que conecta A Condomiña con Bugallido. A Deputación da Coruña ten previsto licitar a primeira fase das obras durante o primeiro semestre de 2026, cun investimento aproximado de 1.200.000 euros. Esta intervención permitirá mellorar a seguridade viaria e as condicións de circulación nunha vía moi utilizada pola veciñanza do municipio.

2 thoughts on “Concello de Ames e Deputación abordan a mellora do campo de fútbol do Milladoiro”
Comments are closed.