Compostela, 6 de setembro do 2022 – Aínda que o debate estaba latente desde hai tempo o verán, e a chegada de turistas, avivou o conflito en torno as Vivendas de Uso Turístico ou VUT.
En Lindeiros quixemos falar cos principais protagonistas da discusión. Por unha banda Estrella Ferreiro, unha das voceiras dos propietarios das vivendas; e pola outra Mercedes Rosón, concelleira de urbanismo. Non se pode negar que hai un terceiro actor, a Xunta de Galicia, que ten as competencias autonómicas en vivenda e turismo. O Decreto 12/2017 abriu a porta á regulación das VUT e, pode considerarse, o inicio do problema.
Diferenzas
As Vivendas Turísticas son unidades illadas, nas que se prestan servicios turísticos y e con un número de prazas non superior a dez. Polas súas características (illadas) non están en zonas de alta densidade de poboación e, como é lóxico, as posibles molestias aos veciños son menores.
Os Apartamentos Turísticos tampouco é habitual que supoñan un problema de convivencia xa que todo o edificio ten que estar dedicado ao turismo. Tampouco é doado que se abran novos en lugares da cidade xa consolidados, precisamente por ter que ocupar todo un inmoble.
Que sucede coas Vivendas de Uso Turístico? Segundo o decreto as VUT son “Son vivendas de uso turístico as cedidas a terceiras persoas, de maneira reiterada e a cambio de contraprestación económica, para unha estancia de curta duración, amobladas e equipadas en condicións de inmediata dispoñibilidade”, pode dicirse que calquera vivenda amueblada, en calquera lugar da cidade, teñan ou non veciños. Estrella Ferreiro pon o foco na parte de servizos e económica, eles non poden ofrecer servizos e non son, explica, actividade económica
Este é un dos principais puntos de fricción. O Decreto deixa en mans dos concellos a regulación e no caso de Compostela considerase que as Vivendas de Uso Turístico son unha actividade económica e, polo tanto, precisan de licenza de actividade. As últimas sentenzas chegadas dos xulgados reforzan esta tese.
Esa sentenza dou como resultado que o concello iniciara un proceso de peche de aquelas VUT sen licenza de actividade. Ao mesmo tempo insístese á Xunta para que retire do Rexistro de establecementos turísticos ás VUT que non a teñan, o Decreto poñía como condición que as vivendas que se rexistraran contaran con todos os permisos demandados polos concellos.
Estrella Ferreiro considera a que sentenza pode ser un caso particular. Tamén considera que os motivos do peche non están claros
En todo isto hai que dicir que a Axencia Tributaria non considera ás VUT actividade económica. Algo que afecta só no capítulo de impostos. Poden coexistir o requirimento do concello dunha licenza de actividade e a consideración da Axencia. Os propietarios insisten en que non son actividade económica e que, polo tanto, non precisan de licenza.
Todo se complica porque as VUT asumen como permiso o rexistro da Xunta pero, desde un punto de vista legal, un rexistro non é unha licenza. Estrella Ferreiro informa de que no Rexistro hai 681 vivendas de uso turístico en Compostela. Esta cifra abre o debate sobre a falta de vivenda de aluguer en Compostela. Ferreiro considera que hai moita vivenda alugandose en B aínda que recoñece que iso pode pasar tamén coas VUT
Este mes darase un paso máis na cidade para a regulación de este modelo de vivenda turística. O pleno aprobará unha modificación do Plan Xeral de Ordenación Urbana, PXOM, que só permitira as VUT nos primeiros pisos e nos baixos habilitados como vivenda. Búscase minimizar as molestias aos veciños e regular os espazos nos que se sitúan.
Escoita a entrevista completa e colabora a soster Lindeiros
A entrevista completa con Estrella Ferreiro a podedes escoita en Bymeacoffe e, de paso, colaborar a soster Lindeiros. Son trinta minutos moi interesantes para coñecer o punto de vista dos propietarios das VUT sobre o que sucede e tamén sobre a vivenda en Compostela.
Tamén poderedes escoitar a entrevista coa concelleira Mercedes Rosón que explica o punto de vista do goberno municipal sobre as VUT e sobre o mercado da vivenda en Compostela.
Do outro lado
Falamos coa concelleira de urbanismo de Compostela, Mercedes Rosón. Moi criticada desde os propietarios das VUT. Ten claro que non se pode cuestionar que este modelo de vivenda turística é unha actividade económica e, polo tanto, precisa dunha licenza. Rosón vai máis alá e explica que a Xunta non tiña que terse conformado cunha declaración responsable para inscribir no rexistro as vivendas, tiña que comunicarlles que faltaba documentación; en concreto a licenza municipal
A concelleira da un dato moi relevante. Hai vivendas de uso turístico que están legalizadas e compren o decreto. Recoñece que son unha minoría pero isto pon en contexto as notificacións de reposición da legalidade enviadas. Mercedes Rosón lembra ademais que as comunicacións véñense enviando desde a lexislatura anterior cando o goberno municipal de Compostela Aberta estableceu unha moratoria que impedía abrir novos establecementos turísticos
Rosón lembra ademais que cando un establecemento turístico pecha ten que ser eliminado de todos os rexistros e por esa razón as VUT teñen que eliminarse do rexistro da Xunta se non están legalizadas.
Aproveitamos a conversa para saber un pouco máis dos cambios que se farán no Pxom. A concelleira explica que é unha necesidade a regulación de este modelo de aluguer non só para controlar o que hai se non tamén para facilitar que o que queira abrir unha VUT saiba donde pode e como ten que facelo. A regulación é semellante a que se está facendo en paises de Centro Europa que foron pioneiros en estes modelos turísticos e que tiveron tamén que acabar por regulalos.
Un debate amplo e complexo que esperamos ter aclarado un pouco máis. Ambas as dúas entrevistas deixan moitas máis declaracións e as podedes escoitar na nosa páxina de Baymeacoffe, un xeito de contribuír ao xornalismo local.