Compostela, 4 de setembro do 2019 – Onte era presentada na terraza do Pazo de Raxoi a sexta edición do Festival WOS, unha referencia en Europa en canto a festivais de música electrónica e vangarda audiovisual.
O WOS conta co apoio do concello de Santiago, a Deputación da Coruña, o AGADIC e a Xunta por medio da marca Fest Galicia. Celebrarase entre o mércores 11 e o domingo 15 de setembro, enchendo durante as cinco xornadas a cidade con preto de medio centenar de actividades.
O cartel troncal de música e artes visuais e tecnolóxicas desta edición inclúe nomes destacados como Loscil, Drew McDowall, Holly Herndon, Rafael Anton Irisarri, Plaid, Amnesia Scanner ou Gazelle Twin, entre outros. Ademais, catro subprogramas complementan o cartel musical do evento: un programa de paneis de discusión e encontros con artistas de acceso gratuíto, un ciclo de cinema en torno á arte sonora e a exploración musical, dúas noites de clube, e un evento orientado a mostrar o traballo de artistas galegos destacados no campo da creación contemporánea.
A presentación contou coa participación de Xurxo Couto, Deputado de Cultura da Deputación da Coruña; Mercedes Rosón, Concelleira de Acción Cultural e Tenente Alcalde en representación do Concello de Santiago de Compostela; Jacobo Sutil en representación de AGADIC; Anxo M. Lorenzo Suárez, Director Xeral de Políticas Culturais en representación da Cidade da Cultura; Víctor Mantiñán, responsable de Patrocinios Música en representación de SON Estrella Galicia, que desde o ano pasado apoia o proxecto vinculando o seu nome ao do festival como patrocinador principal, e Iván Arias, director da axencia Work On Sunday.
Gañador de senllos premios pola súa edición do ano pasado ao Mellor Festival Indoor de Europa nos European Festival Awards e á Mellor Promoción Turística nos Iberian Festival Awards, a organización destaca como principais protagonistas da cita a importancia da cidade e os seus espazos, así como as experiencias únicas que posibilitan para cada asistente. O deseño do festival ten moi presente a riqueza que ofrece Compostela e busca ofrecer ao público unha experiencia que non é posible atopar en ningún outro sitio.
O festival engade esta edición dous espazos novos: o Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, unha sala barroca construída no século XVIII e reservada para actos solemnes, que acollerá o concerto inaugural a cargo da pianista Mariña Herlop, e a sede de Afundación, no edificio catalogado de Interese Cultural Casa Grande Do Pozo, que acollerá unha parte do programa de charlas. Repiten un ano máis como sedes do festival o Centro Galego de Arte Contemporánea – CGAC, a Cidade da Cultura, a Fundación Eugenio Granell, o Teatro Principal, o Salón Teatro, a Igrexa da Universidade, o Mercado de Abastos, a Sala Capitol, a Sede da Fundación SGAE e a sala de cinema independente NUMAX.
