Compostela, 13 de xaneiro do 2023 – Santiago de Compostela ven de ser premiada como mellor cidade dentro do Sistema Integral da Calidade Turística Española en Destinos (SICTED).
O SICTED é un proxecto de mellora da calidade dos destinos turísticos promovido pola Secretaría de Estado de Turismo (SETUR). Conta co apoio da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que traballa co obxectivo de mellorar a experiencia turística.
Ademais, Santiago tamén quedou en segundo lugar na categoría de “Mellor proxecto de mellora de destino SICTED”, e as Casas do Cebro e de Afora conseguiron o terceiro premio na categoría especial de “Mellor actuación de sostenibilidade SICTED”.
O premio destaca o compromiso do Ente Xestor do destino, neste caso de Turismo de Santiago, en prol da competitividade dos servizos turísticos e do destino en xeral a través do fomento da calidade. Hai uns días publicábamos en Lindeiros unha entrevista coa xerente, Flavia Ramil, sobre o traballo que realiza Turismo de Santiago.
A presentación do premio realizouna o Concelleiro de turismo, Sindo Guinarte, e a propia Xerente de Incolsa, Flavia Ramil. Guinarte destacou que “os premios do SICTED avalan o compromiso de Santiago co fomento da calidade no sector turístico como unha ferramenta fundamental para a evolución do modelo turístico da cidade cara un modelo rendible economicamente, xerador de emprego e harmónico coa vida local”.
Os premios SICTED entregaranse nun evento que se celebrará o día 19 de xaneiro en Fitur. Esta entrega de premios será unha oportunidade máis para promocionar Santiago de Compostela como un destino de calidade entre os profesionais do sector que participen na Feira Turística máis importante de España.