Coa chegada do Outono chega o Outono Códax Festival, unha cita imprescindible para os amantes da denominada “musica negra”. Blues, soul, funky pero tamén rock ou swing, o Outono Códax é un dos festivais máis importantes do noroeste peninsular e cada ano sorprende coa súa programación.

Falamos con Fran Vilasenin, un dos fundadores do festival xunto con Martín Calviño e Javier Freire. Son quince anos dun Códax Festival que foi mudando e ampliando o abano de músicos que presenta.

Fran é xerente da Sala Capitol, campo base do Outono Códax, desde setembro do ano pasado polo que a edición anterior os colleu adaptándose. Este é o primeiro no que, como el di, estarán “cos pes na terra, é unha sensación rara pero agradable”.




Aproveitamos para preguntar por ese primeiro ano coa Capitol. Fran móstrase moi satisfeito, o certo é que a sala dou un paso adiante en canto a calidade da programación e o que ven seguirá na mesma liña.
Volvendo ao Outono Códax, unha das figuras das actividades paralelas será Miqui Puig. O músico ven a presentar “Yo no quería ser Miqui Puig”, un libro que fala do lado escuro da fama. A cota galega estará cuberta por Pablo Leira e Victor Coyote, este último ademais do concerto abrirá en A Reixa Tenda unha exposición do seu traballo como ilustrador.
Preguntamos a Fran polos destacados de este ano en canto á programación musical, os primeiros en tocar son uns músicos excelentes pero teñen “un nome horrible”: Gilipojazz; agochados no medio do cartel Los Sirex, que levan tocando sen parar desde finais dos anos 50’ e ese mesmo día os franceses Principles of Joy, banda de heavy soul de primeira fila.



E cando un pensa que o cartel está moi ben, Fran comeza a falar do seguinte nivel e é cando un comeza a tomar nota na axenda e decatase que vai ser un novembro moi especial grazas ao Outono Códax Festival
Fran, Martín e Javier, levan quince anos poñendo no mapa musical a Compostela, co apoio de Martín Códax e un feixe de negocios locais que demostran que as veces as ganas pesan máis que as declaracións altisonantes.
O Outono Códax é un exemplo de organización, calidade e xenerosidade. Moitos dos seus incondicionais levan quince anos descubrindo música co festival, acumulando lembranzas nos concertos e desfrutando dunha cita única non sempre valorando como corresponde.
