O MULTItiusos Fontes do Sar e SANta Isabel, Multisan, presentaron un documento que inclúe retos saudables que axudan a gañar en benestar e a vivir máis e mellor.
Facer exercicio con regularidade axuda a vivir mellor e numerosos estudos o veñen demostrando ao longo dos anos. Exercitarse con regularidade contribúe na mellora da lonxevidade e a calidade de vida. Partindo de este feito Multisan, que reúne a preto de 12.000 usuarios presentou unha campaña que busca reforzar estes hábitos.

Na presentación aos medios desta iniciativa estiveron presentes o xerente das instalacións, Xosé Antón Antelo, a directora de xestión estratéxica dos centros, Chelo Suárez, e o Xefe de Cardioloxía e UCC e Catedrático de Cardioloxía no CHUS, o doutor José Ramón González Juanatey, quen argumentou a vinculación entre exercicio físico e saúde.
O doutor González Juanatey incidiu en que “nunca é tarde para incorporar o exercicio físico regular”, que pode chegar a ter un “impacto extraordinario na expectativa de vida”. Juanatey promulgou que “o tecido do noso corpo que nos protexe e promove saúde é o músculo”.
O catedrático baseou a súa intervención nos numerosos beneficios que reporta o exercicio físico regular e programado, con implicacións na nosa “saúde non só cardiovascular, senón tamén na saúde mental e na prevención do deterioro cognitivo” e o seu importante papel na redución de enfermidades de “risco cardiovascular e cancro”.
O pasaporte á lonxevidade dos centros MultiSan inclúe case 30 desafíos divididos en 4 bloques (actividades acuáticas, adestramento en sala, actividades dirixidas e actividades especiais) que son moi doados de realizar. Realizar un adestramento de forza con máquinas guiadas, participar nunha clase dirixida corpomente, realizar o adestramento do día na piscina, unirse a unha andaina ao aire libre en contacto coa natureza e en compañía, realizar unha clase dirixida de resistencia, asistir a unha clase de pádel ou tenis, son algunhas de esas propostas.
O usuario deberá recoller o seu pasaporte nos centros MultiSan. Cada vez que supere un desafío, recibirá un selo no seu pasaporte. Cando consiga completar os 16 selos que se requiren, entregarao na recepción dos centros e terá un agasallo.
Multisan explica que estes agasallos poderán ir cambiando no tempo pero que nestes momentos é unha camiseta exclusiva cun lema acorde ao que se promulga: que facendo exercicio sempre gañamos vida. Amais, para os primeiras 10 persoas que o consigan, terán de agasallo extra un mes gratis de ximnasio.
O pasaporte é unha pequena guía que inclúe un montón de retos que nos axudarán a descubrir novas formas de coidarse, a xerar hábitos saudables, a celebrar avances, e a recoñecer que cada movemento conta para gañar cantidade e calidade de vida.