Compostela, 26 de novembro do 2024 – A propiedade do edificio que no seu tempo foi coñecido por “La sindical” é unha vella loita que o concello de Santiago ven gañando nos sucesivos xuízos e recursos.
Tres novas resolución xudiciais confirman á titularidade municipal do local que agora é o Espazo Apego. A Xunta de Goberno local tomou coñecemento delas e todas confirman a condición do Concello de Santiago como propietario do local situado na esquina de República do Salvador con Xeneral Pardiñas.
Míriam Louzao explicou que a primeira resolución, do Xulgado de Primeira Instancia número 5 con data do 2 de setembro, “declara que o Concello é propietario do inmoble desde 2015 e que está expresamente afecto ao servizo público sociocultural desde o 22 de xuño de 2018, polo que adquiriu a condición de ben demanial e é inalienable”.
As outras dúas resolucións, da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Galicia do 17 de setembro e do 28 de outubro confirman a ditada na vía civil e ratifican que “o local debe entregarse libre de cargas en execución do planeamento, non unicamente en virtude do contrato de permuta, e que os procedementos que o Concello seguiu para facer constar os seus dereitos fan que a inmobiliaria que o adquiriu non poida aducir que é un terceiro de boa fe xa que constaban as advertencias e alegacións municipais sobre o carácter demanial do ben”, detallou a concelleira.
Míriam Louzao congratulouse por esta decisión xudicial e felicitou publicamente o traballo realizado polo persoal municipal, nomeadamente os servizos xurídicos.
Outros temas na Xunta de Goberno
A voceira tamén confirmou a aprobación por parte da Xunta de Goberno local da proposta de redución do ámbito do Plan especial de protección da Cidade histórica afectado pola suspensión previa de novos usos residenciais en planta baixa, como xa adiantara a pasada semana en rolda de prensa o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás.
Míriam Louzao incidiu en que “este levantamento é dobremente parcial porque non afecta a todo o ámbito e porque só serve para transformar en vivenda, locais comerciais”. Tamén salientou que “non significa que onde permaneza a suspensión a decisión estea tomada”.
Este levantamento parcial da suspensión aplicará só nunha serie de rúas concretas dentro dos seis eixos (Galeras-San Clemente, Avenida da Coruña-Avenida de Figueroa, Carreira do Conde-Porta do Camiño, Cruz de San Pedro-Acibecharía, Porta Faxeira-San Francisco e Basquiños-Cervantes) e non afectará ás zonas onde se concentra a actividade terciaria da cidade histórica, coincidente co cadrante sudeste do antigo recinto intramuros, ámbito no que se manterá a suspensión.
Obras
Ao respecto das obras municipais, deuse luz verde ao inicio dos trámites para recibir as obras de rehabilitación do firme na rúa das Baleixas, en Marrozos, e tamén en varias vías urbanas: rúa da Presa, rúa do Tambre, rúa e Travesa das Casas da Hedra, rúa de San Caetano, rúa do Campo de Santa Isabel, rúa de Vite de Abaixo, avda. do Burgo das Nacións e rúa de Pilar Miró.
Tamén se aprobou a certificación da obra de adaptación do pavillón do CEIP de Lamas de Abade para a práctica de hockei a patíns, e as de acondicionamento da parcela dotacional próxima ao centro educativo Ramón Cabanillas.