Santiago de Compostela acolle unhas xornadas de reflexión sobre sexualidade e diversidade funcional, organizadas pola Asociación Estatal de Profesionais da Sexología (AEPS)

A sexualidade é algo que nos acompaña desde que nacemos. A educación externa, as experiencias internas, os arquetipos sociais acaban por debuxar a percepción que temos de adultos arredor do sexo, a súa importancia e o que significa.
Ese concepto tan íntimo arredor do sexo é distinto para cada persoa pese a que a sociedade intenta, como en tódolos campos, estandarizar o que sentimos ou facemos. As xornadas “As Liñas Torcidas de Eros” buscarán en Compostela reflexionar sobre esta dualidade.
A Asociación Estatal de Profesionais da Sexología (AEPS) convoca a profesionais, institucións e cidadanía a participar nas Xornadas “As Liñas Torcidas de Eros” os días 7 e 8 de novembro de 2025 no Centro Socio-Cultural de Santa Marta, en Compostela.
As xornadas propoñen unha viaxe conceptual e vivencial que percorrerá desexos, corpos, encontros e relacións, poñendo no centro a diversidade funcional como fío vertebrador. A proposta nace para reivindicar que a sexualidade é un feito radicalmente humano e, como tal, non pode ser excluído nin reducido a diagnósticos ou prexuízos.

Baixo o lema “Eros non segue traxectorias rectas”, estas xornadas convidan a explorar as dobreces, curvas e marxes da experiencia sexuada humana, visibilizando realidades frecuentemente silenciadas ou estigmatizadas.
A cita contará con voces relevantes do ámbito internacional e estatal, como Silvina Peirano, experta arxentina en sexualidade e diversidade funcional, profesora de educación especial e referente en divulgación e formación de profesionais neste ámbito; e Guillermo González Antón, médico, sexólogo e terapeuta de parella, cunha ampla traxectoria docente e no campo da ética, membro da Xunta Directiva da AEPS, de SEDRA e da Asociación Estatal Sexualidade e Discapacidade, así como membro de honra da FESS.
Un punto de encontro para cuestionar e compartir
As xornadas propoñen un espazo aberto onde profesionais, asociacións, institucións e cidadanía poderán aprender, debater e xerar coñecemento colectivo sobre sexualidade e diversidade funcional. O obxectivo é romper tabús, revisar mitos e promover unha mirada que supere prexuízos e paternalismos.
Repensar a diversidade desde o Eros
Ao longo dos dous días, exploraranse testemuños, saberes e reflexións sobre a vivencia sexuada de persoas con peculiaridades orgánicas, funcionais e cognitivas. Abordaranse os límites sociais e físicos, e abrirase un espazo para construír un discurso que supere o binomio sexualidadediscapacidade, favorecendo unha comprensión máis rica e humana.
A quen se dirixe estas xornadas?
O evento está dirixido a profesionais da sexoloxía, da investigación, do ámbito educativo, social e sanitario, así como a persoas profesionais que traballan na atención ás persoas con diversidade funcional.
Celebrar a singularidade e tecer redes
Tal e como expresou a escritora Audre Lorde: “O eros é un recurso de poder dentro de nós, unha ponte cara ao que anhelamos ser”. Neste sentido, ‘As Liñas Torcidas de Eros’ convértese nunha homenaxe á singularidade de cada historia, un espazo para cuestionar normas, celebrar a diferenza e tecer redes de complicidade que inspiren goce, reflexión e transformación.
