Compostela, 18 de decembro do 2024 – Xantar na casa é un dos programas máis demandados polos maiores en toda a bisbarra e a partir do 2024 chegará tamén a Compostela.

Serán tan só 60 prazas as dispoñibles, para os máis vulnerables, no xantar na casa de Compostela. O concello, en calquera caso, non descarta que poida ser ampliado o programa xa que xa mostraron interese por participar 98 persoas.
O Concello ofertará o servizo de Xantar na Casa “para seguir avanzando na atención ás persoas maiores e dependentes”. A Xunta de Goberno aprobou este luns o correspondente convenio de colaboración co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia, cunha vixencia de catro anos.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, dou conta dos pormenores do servizo. Explicou que “coa adhesión ao programa Xantar na Casa procuramos atender as necesidades destes colectivos en canto á súa alimentación, posibilitando a permanencia destas persoas nos seus propios fogares, mantendo ao máximo a súa independencia, evitando situacións de risco asociadas á cociña, e mesmo facilitando un respiro ás súas coidadoras”.
Para a concelleira, “este programa, que viña sendo demandando por moitas familias, é un bo complemento para o Servizo de Axuda no Fogar que reforzamos notablemente co novo contrato, e permítenos seguir mellorando a vida da veciñanza”.

Tal e como se recolle no convenio co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, o programa terá un máximo de 60 persoas beneficiarias, seleccionadas polos servizos sociais municipais. María Rozas explicou que “a intención do Concello é que ese número de prazas se vexan ampliadas, mais entendemos que o Consorcio queira comprobar primeiro a acollida do programa”.
Os xantares entregaranse nun único día á semana, e as persoas beneficiarias recibirán no seu domicilio como máximo 7 e un mínimo de 5 bandexas diferentes co xantar para cada día da semana. Tamén se facilita frigorífico e microondas no caso de que os fogares das usuarias non dispoñan deses electrodomésticos.
O prezo do xantar está fixado en 7,50 euros por persoa e día, dos que o 46,6% é achegado pola Xunta, mentres que a persoa beneficiaria e o Concello achegan o 26,6% cada parte.
A concellaría de Dereitos e Servizos Sociais prevé, ademais, asumir unha exención do 100% para as persoas en situación de vulnerabilidade que acrediten que os recursos económicos mensuais da unidade familiar de convivencia sexa inferior ao 100% do IPREM, “unha proposta que é novidosa con respecto ao que acontece noutros municipios”.
O Concello destinará a este programa 233.600 euros. A previsión do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar é asinar o convenio nas próximas semanas. Será entón cando a Xunta de Goberno aprobe as bases e o procedemento de inscrición para a súa publicación.
