Un grupo de veciños do Ensanche propón non derrubar as construcións actuais de Peleteiro e rehabilitalas. Explican que é unha tendencia en Europa e sería preservar parte da memoria do Ensanche.

Na tarde de este xoves tivo lugar unha reunión no Centro Sociocultural do Ensanche sobre unha nova alternativa para Peleteiro. Un grupo de veciños propoñen rehabilitar as actuais edificacións de Peleteiro e preservar dese xeito a memoria do ensanche.
Á convocatoria acudiron pouco máis de trinta persoas. Os congregantes definíronse coo un grupo de veciños sen afiliación política e de feito convidaron a todos os partidos con representación municipal, mesmo aos non adscritos, a acudir máis ao final só dous concelleiros do Partido Popular estiveron alí.
A proposta pasa por aproveitar a estrutura actual do vello Peleteiro e os espazos xa deseñados como o auditorio ou o ximnasio. Na proposta de vivendas creen que se poderían construír unhas 75 aínda que apostan por un modelo para mozos no que os pisos sexan máis pequenos pero existan zonas comúns como a lavandería.
Unha das ideas máis orixinais e converter o actual patio nun refuxio climático. Cren que o deseño tería que facelo un paisaxista e non un arquitecto xa que trataríase de plantar árbores e plantas e converter o espazo nun pulmón verde con bancos para a cidadanía.
A proposta ampliaría moito o espazo destinado a usos da veciñanza, reduciría o tempo de obras e sería moito máis eficiente que unha obra desde cero. Tamén recoñeceron que nas conversas que mantiveron na rúa hai xente a favor do proxecto municipal por distintas razóns pero o que detectaron sobre todo foi cansazo da cidadanía sobre este tema.
Unha nova idea que abre un novo debate, ou un vello con novas forzas, que teremos que ver ata onde chega e se modifica en algo a folla de ruta que polo momento está vixente.