займ срочно

Despega o proxecto Nós da USC

0

Compostela, 6 de xuño do 2023 – O proxecto Nós da USC, que busca levar ao galego ao mundo da intelixencia artificial, ven de presentar as tres primeiras ferramentas creadas polo equipo.

Nós xa permite con este software a interacción en galego entre as persoas usuarias e os dispositivos tecnolóxicos. As ferramentas son o primeiro tradutor neuronal multilingüe feito en Galicia, o primeiro recoñecedor de voz que entende o galego oral e o converte a texto e unha aplicación de síntese de voz que a partir dun texto é quen de ler en galego. Estas ferramentas estarán dispoñibles proximamente en aberto e de xeito gratuíto para calquera persoa, empresa ou proxecto que as precise ou desexe empregar.

Os primeiros resultados prácticos de Nós foron presentados no Edificio Fontán da Cidade da Cultura. Participaron o reitor da USC, Antonio López; o director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), Senén Barro; a directora do Instituto da Lingua Galega (ILG), Elisa Fernández; o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño.  

Antonio López dixo que “Damos un primeiro paso visible ao poñer xa accesibles algúns dos resultados do proxecto”. Engadindo que o proxecto Nós “conecta humanidades e tecnoloxía, neste caso, a través da lingua” e que se trata do “proxecto máis ambicioso para a nosa lingua mirando cara ao futuro”.

Pola súa parte Senén Barro destacou que “o proxecto nós nace dende a USC e a Xunta coa vontade de crear un ecosistema galego innovador en tecnoloxías lingüísticas para o mundo”. “Os datos son como as infraestruturas viarias dun país”, dixo, “os materias básicos de construción que deben ser preparados axeitadamente”, explicou. A directora do ILG, finalmente, presentou o funcionamento das ferramentas que, tal e como sinalou, foron seleccionadas en función da súa alta demanda.

O galego na vangarda

‘O Proxecto Nós: O galego na sociedade e na economía da Intelixencia Artificial’ está a xerar os recursos necesarios para colocar o galego na vangarda das Tecnoloxías Intelixentes, nomeadamente naquelas áreas relacionadas coas Tecnoloxías Lingüísticas e, de modo xeral, na sociedade e economía da Intelixencia Artificial.

Dentro do proxecto compílanse recursos e desenvólvense ferramentas de alta calidade para o procesamento automático do galego, tanto oral como escrito. Ademais, produciranse demostradores de carácter xeral que permitirán mostrar as posibilidades dos ditos recursos e desenvolveranse casos de uso de alto impacto socioeconómico en diferentes contextos.

Os recursos desenvolvidos en Nós serán de libre acceso por terceiros, o que vai permitir e facilitar o desenvolvemento de produtos e servizos finais baseados na lingua galega, por parte das empresas, institucións e organizacións, tanto públicas como privadas, que así o desexen.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies