Compostela, 16 de marzo do 2023 – A Universidade de Santiago de Compostela, USC, ven de reformar a pista de atletismo situada no campus sur e de conseguir a súa homologación.

A reforma da pista de atletismo foi posible grazas a un convenio de cooperación entre USC, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e Concello de Santiago de Compostela. Este mércores tivo lugar o acto de inauguración que serviu tamén para celebrar a recepción da homologación da Real Federación Española de Atletismo.
O reitor, Antonio López, manifestou a súa satisfacción e gratitude por poder recuperar a acreditación desta pista como categoría 3. O fundamental, dixo Antonio López, é q estas instalacións se convertan en punto de encontro e referencia para a cidadanía e que a enchan de actividade. Esta é, en palabras do reitor da USC, unha instalación da Universidade q debe servir para promocionar o deporte galego a todos os niveis.
Ademais do reitor participaron no acto o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa; a deputada de Xuventude e Deportes, Cristina Capelán; e o presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín Carreira. Tamén asistiron o xerente da USC, Javier Ferreira; o delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico; e a concelleira de Deportes, Esther Pedrosa.
Novo pavimento
A pista do Estadio de Atletismo da USC, cuxa renovación superou os 400.000 euros, é a única de Santiago e comarca homologada pola Real Federación Española de Atletismo para acoller competicións oficiais neste deporte.
A colocación dun novo pavimento centrou os traballos de actualización deste espazo da Universidade que consta dun anel de carreiras de 400 metros de corda e oito estaxes. O tipo de obra que se proxectou tamén contemplou o marcado e sinalización para a correspondente homologación federativa.
Compromiso coa cidadanía
O Estadio de Atletismo da USC que alberga a pista remodelada abrangue catro tipos de uso dirixidos tanto á propia comunidade universitaria como á cidadanía no seu conxunto. Ademais das escolas deportivas impulsadas pola Área Deportiva da USC que se desenvolven en diferentes lugares do estadio, este espazo universitario acolle tamén na súa pista, a práctica do deporte federado a través de clubs, a práctica libre con independencia de que se trate de deportistas federados, así como a cesión de uso para clases ou preparación de probas.
Ademais a pista, en virtude do convenio de cooperación, poderá acoller competicións oficiais ou outras actividades deportivas ou de promoción do deporte impulsadas pola Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e Concello de Santiago de Compostela.