Compostela, 13 de xaneiro do 2023 – O Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago, USC, acolle o acto de presentación do Meteorito de Traspena, o primeiro rexistrado en Galicia.
Traspena caeu en Galicia o 18 de xaneiro do 2021. Era parte dun asteroide de 1,15 metros de tamaño e 2,62 toneladas de masa que chocou contra a atmosfera a 75 quilómetros de altura cunha velocidade de 15 Km/s producindo un meteorito de 527 gramos.
O meteorito de Traspena
A singularidade deste condrito reside precisamente en que é un dos poucos casos no mundo para o cal foi posible determinar con precisión a órbita heliocéntrica, previa á colisión coa Terra, do seu corpo proxenitor, aumentando así o seu interese científico.

Constitúe un fito, tanto na astronomía galega, xa que é a primeira caída ben documentada dun meteorito en Galicia, como na española, pois é a primeira vez que o cálculo da traxectoria atmosférica e o da órbita heliocéntrica se realizan integramente por investigadores españois, concretamente da USC.
Da excepcionalidade do evento tamén dá conta o feito de que a entrada na atmosfera sobre Galicia dun corpo deste tamaño só acontece de media cada 700 anos (cada 35 anos na totalidade da Península Ibérica). En calquera caso, nin sempre é posible realizar un estudo tan detallado como este nin, moito menos, recuperar algún meteorito.
O fenómeno foi analizado nunha investigación liderada pola Área de Astronomía e Astrofísica do Departamento de Matemática Aplicada na EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo, e os seus resultados figuran no artigo ‘O meteorito de Traspena: órbita heliocéntrica, traxectoria atmosférica, campo de dispersión, e petrografía dun novo condrito ordinario L5’, publicado en Monthly Notices of the Royal Astronomical Society, unha das revistas de astronomía máis prestixiosas do mundo.
Este venres 13 de xaneiro, o Museo de Historia Natural acollerá ás 12.30 horas a presentación oficinal deste meteorito nun acto presidido polo reitor Antonio López que contará coa presenza do vicerreitor de Política Científica, Vicente Pérez Muñuzuri; do director do Museo de Historia Natural, Marcos A. González González; do director do Observatorio Astronómico ‘Ramón María Aller’ da USC, José A. Pérez Docobo; e do profesor da Área de Astronomía e Astrofísica da USC, Manuel Andrade Baliño.