Unha nova exposición en Fonseca, ao abeiro da Cátedra Rosalía de Castro, fala da visión da poetisa sobre a Universidade Compostelá do seu tempo
Do 9 de abril ao 30 de maio exhíbese no Claustro Alto do Colexio de Fonseca a exposición “Rosalía en Fonseca. O xardín da revolución”, unha mostra sobre a visión de Rosalía de Castro sobre a Universidade.

Rosalía de Castro nace no mesmo ano no que, por vez primeira, unha muller consegue entrar na Biblioteca Nacional. Non se sabe se a escritora galega repetiu esa xesta durante os seus anos madrileños, mais o certo é que nunca puido cursar estudos universitarios. Con todo, hoxe en día coñécese que a nai da autora, dona Teresa Castro Abadía, se preocupou, de xeito moi consciente, pola súa educación.
Na adolescencia, Rosalía beneficiouse da instrución musical, dramática, literaria e pictórica recibida como froito da súa vinculación aos círculos progresistas do Liceo de la Juventud e desde o seu nacemento (ao parecer, asistido polo catedrático Varela de Montes) ata o matrimonio co Murguía, con certeza a escritora participou das ideas xeradas desde a Universidade, incluídas as científicas e, máis especificamente, as botánicas.
O certo é que Rosalía nunca entrou en Fonseca, e a xulgar por un fragmento da súa novela Ruínas (1866), a súa visión da Universidade compostelá non era, naqueles anos, favorable. Con estes antecedentes, ao abeiro da Cátedra Rosalía de Castro, baixo o auspicio do Museo de Historia Natural da USC, e grazas ao financiamento dunha bolsa Leonardo da Fundación BBVA, semella chegada a hora dunha restitución que permita o ingreso simbólico, con honores, da autora Rosalía de Castro na Universidade de Santiago de Compostela.
A mostra pode visitarse luns a venres, en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.