Compostela, 7 de marzo do 2024 – A Universidade de Santiago de Compostela, USC, conmemora como cada ano o Día Internacional da Muller este venres 8 de marzo.
A USC faino en colaboración coa Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitarias (RUIXEU) coa vista posta na posibilidade “dunha nova sociedade, porque non é posible a excelencia nin a calidade sen a igualdade”.
O Salón Nobre do Colexio de Fonseca acolleu o acto institucional no que María José López Couso, vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, deu lectura ao manifesto da RUIXEU no que se reivindica “seguir avanzando cara a un horizonte universitario e social igualitario que permita combater os sexismos mentais inconscientes, a división sexual do traballo académico, as desigualdades derivadas da fenda de coidados e da fenda salarial de xénero, a segregación vertical e horizontal por sexos que historicamente impediu a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes”.
No acto presidido pola delegada do reitor para a Igualdade, Marta Pérez Pereiro, tamén interviñeron a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Sandra Vázquez Domínguez.
A sesión serviu tamén para recoñecer o traballo desenvolvido pola Unidade de Atención Psicolóxica pola súa traxectoria en prol da igualdade de xénero na USC. O acto contou coa conferencia ‘Muller e saúde mental’ a cargo da directora da Unidade, Ana López Durán, quen recolleu o galardón xunto a Pilar Bárcena e Sara Purcell.
De xeito paralelo ao acto que se desenvolveu en Compostela, o Campus de Lugo
Corresponsabilidade
A lectura do manifesto da RUIXEU será punto de encontro para a comunidade universitaria en diferentes centros da USC ao longo desta semana. O texto pon o foco nos postos de liderado e nas máis altas escalas de recoñecemento investigador e docente, onde é importante aumentar a presenza de mulleres para facer que o mundo académico sexa máis equitativo.
Neste senso, saliéntase a maternidade como unha das causas do abandono da carreira científica xunto coa “pouca ou nula aplicación de medidas para fomentar a corresponsabilidade”. O documento RUIXEU destaca que “é imprescindible e urxente situar as políticas de igualdade no deseño e na execución dos cambios que veñen e dotar as unidades de igualdade dos recursos suficientes e da interlocución política adecuada para cumprir cos novos mandatos legais que se lles suman aos preexistentes”.
Acadar a igualdade de xénero e o benestar das mulleres en todos os ámbitos, continúa o manifesto, “é máis crucial ca nunca se queremos xerar economías prósperas e acadar un planeta saudable”.