Compostela, 15 de abril do 2024 – Os universitarios de Compostela poderán desde hoxe comprobar o funcionamento do proxecto é-bici que conta co apoio do concello de Santiago.
Trátase dun programa de préstamo de bicicletas eléctricas. impulsado pola xerencia da Universidade de Santiago, en colaboración coa Concellaría de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais.
A alcaldesa, Goretti Sanmartín, o reitor da USC, Antonio López, o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, o xerente da Universidade, Javier Ferreira, e o delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico, presentaron é-bici. A rexedora mostrou a súa satisfacción “por poder colaborar coa USC nun proxecto que aposta pola mobilidade sostible e no que xa se leva traballando moito tempo”.
O programa é-Bici USC comeza con vinte bicicletas, que estarán a disposición da comunidade universitaria desde as 8.00 ata as 20.30 horas. Haberá catro estacións de cadeado e carga, situadas na facultade de Filoloxía, a facultade de Odontoloxía, a biblioteca Concepción Arenal e o Aulario Novoa Santos, ao carón do Hospital Clínico.
As persoas que queiran utilizar as bicicletas poden rexistrarse nunha aplicación, usc-mobile.discomon.eu/home, na que tamén se pode consultar cantas bicicletas hai dispoñibles en cada parada, informar de posibles incidencias e consultar toda a información sobre o programa de préstamo.
Tal e como explicou o reitor, Antonio López, “nos próximos meses testarase o funcionamento do sistema, a súa demanda real e as formas de uso das bicicletas, para logo adaptar o servizo á demanda real da comunidade universitaria”. A partir de aí, sinalou Antonio López, estudarase a posibilidade de ampliar o servizo, en colaboración co Concello.