Compostela, 20 de maio do 2020 – A Universidade de Santiago traballa nun plan de actuación que servirá de folla de ruta para o próximo curso 2020 – 2021.
Unha vez rematada a docencia do segundo cuadrimestre e aprobados os sistemas de avaliación de acordo coa situación de non presencialidade por mor da COVID-19, a USC traballa para que o vindeiro curso poida desenvolverse en condicións axeitadas a docencia, facendo fronte de xeito eficaz a posibles eventualidades como as experimentadas nas últimas semanas.
O grupo que prepara o documento ten tamén a tarefa de avanzar nas bases doutro plan a medio prazo que permita profundar nas distintas modalidades docentes que ofreza a USC sen perder a esencia dunha universidade presencial.
Curso nun contexto complexo
A situación das últimas semanas deixa constancia “da nosa capacidade de adaptación e de resposta a contextos complexos” e representa, en palabras do reitor Antonio López, “unha oportunidade para incorporar e apostar de xeito decidido por ferramentas e metodoloxías que enriquezan a nosa esencia como universidade presencial apoiándonos na capacidade que poden achegar as tecnoloxías nun escenario de docencia virtual”. Moitas das medidas e decisións adoptadas, “inéditas para un contexto imprevisible, teñen chegado para quedarse”.

O traballo da comisión, que comezou esta semana, avaliará as actuacións que se levaron a cabo no segundo cuadrimestre deste curso, tanto no relativo á docencia como no referido á avaliación. O seu obxectivo será avanzar nesta liña e reconsiderar as actuacións susceptibles de mellora, explicou o reitor. O traballo de análise prestará atención a catro bloques específicos de directrices xerais, atendendo especificamente a cuestións esenciais en materia de titulacións (emprego da docencia en remoto e ponderación da avaliación continua); calidade; organización académica; e sistema tecnolóxico.
Membros do grupo de traballo
A vicerreitora de Titulacións e Captación Internacional, María Xosé López Couso; o vicerreitor de Calidade, Jacobo Limeres Pose; a vicerreitora de Organización Académica, Celia Besteiro Rodríguez; e o vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, Gumersindo Feijoo Costa, formarán parte do grupo de traballo responsable da elaboración do Plan. Xunto a eles, participarán ademais as persoas responsables do Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe (CeTA) e da Área TIC da Universidade, dous especialistas en novas tecnoloxías aplicadas á educación, a persoa responsable da Área de E-learning e Colaboración do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA); así como un representante do Persoal Docente e Investigador por cada unha das cinco grandes áreas de coñecemento.
