Compostela, 14 de outubro do 2024 – A Unión Hotelera Compostela pechou setembro cunha ocupación do 92% máis está preocupada por manter boas cifras en xeral e polo problema dos taxis en particular.

A cifra de ocupación hostaleira subiu dous puntos con respecto ao 2023 no que se chegou ao 90%. Pero os responsables dos distintos establecementos seguen moi preocupados polo problema xerado pola falta de taxis e apuntan que prexudica “tanto aos turistas como á veciñanza”.
A Unión Hotelera alerta de que en moitas ocasións tiveron que ser os propios hostaleiros e o seu persoal os que levasen aos hóspedes ao aeroporto para non perder os seus voos, denunciando ademais que “non só hai falta de taxis, senón tamén unha pésima atención, con reservas que non se compren e unha central colapsada que non che responde”.
Poñen o foco no feito de que a cidadanía culpa ao turista cando en realidade os visitantes son tamén prexudicados polo mesmo problema.
Ocupación
A Unión Hotelera que prevé un “bo dato” para este mes, lembrando que “desde hai anos os meses de maior ocupación son os que van de maio a outubro”, sendo precisamente o mes de maio o mellor de todo o 2024, “por encima de agosto e de xullo, que é a tempada alta propiamente dita”.
A hostalería tamén advirte de que “ de novembro a abril prodúcese un gran baixón que provoca que a día de hoxe aínda sigan pechando hoteis entre decembro e Semana Santa”. Unha situación da que alerta o colectivo desde fai máis dunha década reclamando “que haxa máis accións culturais e máis accións de interese para os meses de novembro a abril”.
O estraño caso de xullo
O portavoz da asociación, José Antonio Liñares, explica que “en Semana Santa empeza un crecemento gradual até o mes de outubro, que tamén adoita ser un mes de ocupación moi alta e con moito movemento”, aínda que matiza que “en xullo hai unha baixada ao redor de 10 puntos porcentuais aínda que non sabemos moi ben por que, xa que é un mes vacacional, cun tempo atmosférico excelente, son as festas da cidade… en definitiva, unha suma de factores que deberían facer que a ocupación fose tan alta como en maio, pero a realidade é que iso non ocorre e que hai unha baixada moi considerable”.
Liñares afirma tamén que “a pesar de que é un mes no que a cidade está chea de visitantes e con rúas colapsadas, iso non se traduce nos datos de ocupación. É dicir, a xente non
pasa a noite en Santiago”. Para a asociación isto tradúcese nun dos conflitos máis recentes do sector, a “turismofobia”, que é cada vez máis visible na capital galega.
O presidente da Unión Hotelera explica que “Nalgún sentido estase demonizando ao turismo e a todo o que ten que ver con el, e creo que hai un gran descoñecemento do sector, porque nos tratan coma se fósemos os responsables desta saturación turística, cando francamente vese que non temos nada que ver”.
Engade que “nun mes tremendamente vacacional onde a cidade está moi chea de xente e os parkings completos, a ocupación hostaleira é moito máis baixa. Con todo, en maio e outubro, cos hoteis practicamente cheos, a cidade está máis libre”.
Liñares apunta a que “quizá o problema sexa o excursionismo, é dicir, a xente que vén pasar unhas horas en autocares ou nos seus vehículos privados e aos que por certo, non se aplica taxa turística nin se contempla, sendo con todo os que causan máis problemas na veciñanza e nas rúas de Compostela que os que pasan a noite e deixan un gran valor na cidade, xa que pagan impostos nos aloxamentos, nos restaurantes, nas compras? e en divisas se son estranxeiros”.
Taxa turística
A Unión Hotelera non cre na taxa turística como solución “a taxa turística non vai solucionar os problemas de masificación, e o que hai que controlar é o fluxo de visitantes”. Engaden que ademais de que a planta hostaleira non creceu nos últimos 20 anos “A cidade ten 8.000 prazas en total, entre hoteis e pensións. Mesmo se tivésemos o 100% de ocupación, que non a tivemos nunca, falariamos de 8.000 persoas, as mesmas que poderiamos meter na praza do Obradoiro para ver un concerto. É dicir, non hai saturación turística, o que hai é poboación diúrna e de excursionistas”.
Inciden ademais en que “a ocupación media anual non é boa, con meses de inverno que non chegan ao 30% e hoteis pechados” para xustificar o seu rexeitamento á implantación da taxa, tamén sinalan que “os clientes e os hoteis xa recadamos e pagamos un imposto de bens inmobles que supón sobre 60.000 euros ao ano, e un imposto de actividades económicas de entre 10.000 e 15.000 euros anuais, sen esquecer que pagamos unha recollida de lixos por encima de todos os veciños da cidade, en torno entre 12.000 e 15.000 euros anuais… todo iso sae dos hoteis da cidade e entra nas arcas municipais, e a maiores, cada cliente aloxado nos hoteis da cidade paga un 10% de IVE, que é outro imposto que chega á Xunta de Galicia” así que, engaden, “quizá a reclamación deba ser que unha parte desa recadación que se fai desde os hoteis e entra directamente en arcas municipais e autonómicas destínese á cidade en lugar de implantar outro imposto máis”.