Compostela, 27 de decembro do 2024 – Foi unha das iniciativas máis procuradas na rede nos últimos meses, o Mercado da Luz aberto cada fin de mes na Casa das Máquinas de Compostela.

Este sábado 28 o Mercado da Luz volta a servir de espazo de troco e venda entre particulares. Será a última xornada no 2024 e podemos tirar partido del para os últimos agasallos do amigo invisible pu procurar algo espacial de cara a Reis.
A iniciativa impulsada pola Concellaría de Mercados, ten como obxectivo apostar pola reutilización, pola economía circular, e polo consumo responsable. O Mercado da Luz estará aberto de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.

Nel pódense atopar postos de persoas particulares, que venden ou intercambian obxectos aos que xa non lles dan uso. Desde a organización faise un control dos produtos que se poñen á venda, xa que non se permiten aqueles que están en moi mal estado, nin tampouco aqueles que fan apoloxía do racismo ou incumpren a Lei de Memoria Histórica.
O de mañá será o cuarto Mercado da Luz, que se celebra os últimos sábados de cada mes. A iniciativa toma o seu nome da denominación pola que os traballadores da Casa das Máquinas de Galeras coñecían o inmoble, “Casa da luz”; e xoga coa idea de sacar á luz obxectos, prendas, mobles ou xoguetes, que todos e todas nós temos esquecidos nas nosas casas e aos que tal vez alguén lles queira dar unha nova vida.