Composatela, 06/10/2026 – A ONGD Solidariedade Internacional Galicia vai celebrar o seu 30 aniversario cun festival itinerante que se celebrará o 17 de outubro. Unha cita que encherá a zona vella de Santiago de música, gastronomía, encontros e actividades infantís, baixo o nome de “Tránsitos Fest”.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, e a directora de Solidariedade Internacional Galicia, María Paz, presentaron o “Tránsitos Fest” nunha rolda de prensa na que tamén participou Xaime López, da empresa Urdime, coordinador do evento.
A tenenta de alcaldesa aproveitou a presentación para parabenizar á ONGD pola súa longa traxectoria e agradecerlle o seu traballo “no ámbito da cooperación internacional, na educación, no fomento do comercio xusto e, en definitiva, en prol da xustiza social”.
María Rozas salientou que esta celebración “chega nun momento no que vivimos nun contexto preocupante no que avanzan os discursos do odio e a desinformación, no que se cuestionan os valores da solidariedade, e no que moitos países reducen as súas achegas económicas á cooperación internacional”.
Pola súa banda, María Paz reiterou o agradecemento ao Concello de Santiago polo seu compromiso coa cooperación internacional e recoñeceu que para moitas entidades “está a ser un reto seguir traballando estando no punto de mira, sufrindo mesmo persecucións por mor destes retrocesos e perigosos discursos”. A directora de Solidariedade Internacional Galicia lembrou que nestes 30 anos, a entidade desenvolveu 90 proxectos, investiu máis de 6 millóns de euros, e traballou con 42 entidades locais en diferentes países.
Un evento que non queda quieto
O “Tránsitos Fest” celebrarase o 17 de outubro, con actividades ao longo de todo o día en tres espazos: praza 8 de marzo, Mazarelos e Cervantes. Pola mañá, na 8 de Marzo, unha degustación de cacao e café de comercio xusto e o espectáculo familiar de Caxoto darán a benvida ao público. Ao longo da mañá haberá cine infantile música, coa proposta didáctica de Eixo Atlántico e o afro-dub sicodélico de Skanderani a modo de sesión vermú.
Para xantar, o festival trasladarase ao espazo gastronómico instalado en Mazarelos, onde se poderán degustar pratos de diferentes países e ás 16:30 h Haidée Castillo (defensora dos dereitos humanos e líder feminista en Nicaragua) e Ángel Berna (director executivo da Asociación para el mejoramiento habitacional de Guatemala) compartirán escenario e falarán de “Historias de cooperación e resistencia”.
Despois da palestra, na mesma praza terá lugar a actuación do artista angolano Alberto Mvundi, ao que lle seguirán dous grupos composteláns: Fuego Lolita, unha das bandas con maior proxección do Centro Xove da Almáciga, e Grampoder.
Ao remate dos concertos, a performer e artista visual Ana Gesto guiará ao público ata a última parada do camiño, a Praza de Cervantes. Alí, a partir das 20:30 h, o Coro da Ra e as pandereteiras de Bouba e Vivantes poñerán o punto final ao Tránsitos Fest.
Sobre Solidariedade Internacional Galicia
Solidariedade Internacional Galicia é unha organización non gobernamental que leva transitando os mundos da cooperación, a educación e a xustiza global desde 1996. Nestes trinta anos desenvolveron, da man de organizacións locais, máis de 60 proxectos de cooperación en países como O Salvador, Honduras, Bolivia, Palestina ou o Sáhara Occidental. Cunha forte incidencia na educación como ferramenta principal para construír unha cidadanía global, teñen ademais abertas tres tendas de comercio xusto na Coruña, Ourense e Pontevedra.
