Compostela, 29/07/2026 – A Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais e a Asociación de Familias Acolledoras de Galicia, Acougo, impulsan o proxecto “Troca e Retroca”, un banco de recursos para a infancia que pretende garantir a igualdade de oportunidades entre as familias e axudar a cubrir as necesidades daquelas en situación de maior vulnerabilidade.
A concelleira María Rozas e a directora da entidade, Carmen Dourado, presentaron o Troca e Retroca, que tamén aposta pola sustentabilidade, a reutilización de recursos e a diminución do consumo. Rozas explicou que este proxecto “súmase ás ferramentas que temos habilitadas desde o Concello para atender as necesidades das familias, especialmente daquelas que se enfrontan a situacións de vulnerabilidade derivadas de factores económicos ou sociais”.
A concelleira sinalou que o banco de recursos “permite articular redes de apoio comunitarias e fomentar a corresponsabilidade social”, e puxo en valor que esta colaboración con Acougo “pretende tamén dar a coñecer o importantísimo papel que desenvolven as familias acolledoras, que permiten que nenos, nenas e adolescentes medren nun ambiente familiar cando as súas familias de orixe non poden facerse cargo da súa crianza”.
Nese sentido, a tenenta de alcaldesa reivindicou “o dereito fundamental a vivir en familia, que é a mellor maneira de garantir un axeitado desenvolvemento dos e das menores, fronte ao modelo dos centros de acollida”
Pola súa banda, Carmen Dourado agradeceu o apoio da Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais nun proxecto que “nos permite compartir solidariedade e facer tribo entre as familias”. Tamén fixo unha chamada á colaboración da veciñanza co banco de recursos “desde a premisa de defender a dignidade das persoas e apoiar ao tempo a economía circular”.
Apoio ás familias e aposta pola sustentabilidade
“Troca e Retroca” ten como obxectivo contribuír a “remover todos os obstáculos que poidan impedir o funcionamento axeitado das familias e protexer así os dereitos da infancia”.
O banco de recursos está dirixido a todas as familias acolledoras e en situación de vulnerabilidade, con especial atención ás familias monomarentais, numerosas, e migrantes. Co proxecto poden colaborar todas aquelas persoas que conten con recursos para a infancia que poidan ser reutilizados.
Ademais de facilitar o acceso aos recursos materiais para a crianza, o banco de recursos quere contribuir “á creaciónd de redes de apoio entre as familias, porque este instrumento axuda á conexión entre persoas en situacións semellantes e permite tecer redes de apoio informais nas que compartir experiencias e coñecementos”.
Ao tempo, o banco de recursos susténtase no principio da sustentabilidade, xa que permite a reutilización de produtos e enseres que se usan fundamentalmente na primeira infancia e por un período breve de tempo.
É o caso da roupa, que tal e como lembra Acougo, “é imposible de reciclar de forma eficaz, é responsable do 10% de todas as emisións de CO2, e só en España tíranse 325.000 toneladas de roupa ao ano, segundo datos de Greenpeace”.
O mesmo acontece con outros utensilios relacionados coa crianza, como berces, cadeiras, carriños ou tronas; e tamén con material escolar ou xoguetes que os nenos e nenas utilizan durante unha etapa determinada, e que poden ser reutilizados para reducir o consumo e paliar a súa pegada ambiental.
O banco de recursos “Troca e Retroca” estará localizado na sede de Acougo, na rúa de Sánchez Freire, e funcionará durante todo o ano. As instalacións estarán abertas dous días á semana en horario de mañá e outros dous en horario de tarde. As persoas interesadas en colaborar poden pedir máis información no teléfono 610785604.
