Compostela, 23 de xuño do 2023 – A Real Filharmonía de Galicia escolleu o Parque da Música de Compostela, e o Auditorio como pano de fondo, para presentar a nova tempada que xirará arredor das “Migracións”.
Na presentación estivo a alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago, Goretti Sanmartín; o director titular e artístico da Real Filharmonía, Baldur Brönnimann; así como a directora técnica da orquestra, Sabela García Fonte, o director do Auditorio de Galicia, Xaquín López, a xerente do Consorcio, Belén Hernández, o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, e a concelleira de Capital Cultural do Concello de Santiago, Miriam Louzao.
Primeira programación de Baldur Brönnimann
A tempada 2023/24 será a primeira como director titular de Baldur Brönnimann. Unha nova etapa que escolleu as migracións como motivación pola importancia que estes movementos tiveron e teñen en Galicia.
A Real Filharmonía quere que a música reflicta a realidade e por iso a diversidade estará tamén moi presente. Na programación atoparemos música de herdanza africana (das compositoras Florence Price ou Hanna Kendall) ou chinesa (coa obra de Huang Ruo The Colour Yellow for Sheng and Orchestra); propostas de épocas e estéticas moi diferentes, desde compositores das Cortes Reais como Boccherini ou Brunetti ata obras de Bach, Haydn, Schubert… ata chegar a Cage ou Mazzoli.
Tres bloques temáticos
As “Migracións” dividiranse en tres seccións. Por unha banda estarán compositores exiliados como Stravinski, Ligeti, Rachmaninov, Weill, Wagner ou Dvořák e escoitaranse obras como a Sinfonía do Novo Mundo, O idilio de Sigfrido ou as Danzas Sinfónicas.
Un segundo tema falará da compositora Kaija Saariaho, finesa afincada en París e unha das creadoras máis importantes do noso tempo, falecida recentemente. Dela interpretaranse obras como Ciel d’Hiver ou La Passion de Simone, oratorio sobre a vida da filósofa francesa Simone Weil.
O terceiro eixe da tempada centrarase na figura de Roberto Gerhard (a través da súa Sinfonía núm. 1 e do ballet Alegrías), un dos compositores españois máis importantes do século XX e o único alumno español de Arnold Schoenberg.
Novos talentos e a procura de novos públicos
Apoio aos novos talentos e novos públicos
A Real Filharmonía de Galicia ten desde hai anos moi presentes aos novos talentos. En esta tarefa destaca a implicación da Escola de Altos Estudos Musicais que ademais este ano apoiarase en dúas novas iniciativas: un obradoiro de dirección para a selección un novo/a director/a asistente no mes de decembro e un obradoiro de lectura para obras de novos compositores, que terá lugar no mes de maio de 2024.
Moitas serán as novas figuras que traballarán coa RFG por primeira vez, como as directoras Rita Castro Blanco, Johanna Malangré ou Judith Jáuregui; o frautista galego André Cebrián, o virtuoso do sheng Wu Wei ou o director e clavecinista Aarón Zapico.
Outra forma de apoio son as encargas a novos/as compositores/as. Esta temporada con obras de dous compositores galegos, Hugo Gómez-Chao que estreará Schattenhaft e Jacobo Gaspar que ofrecerá De Mar a Mar. Ademais, realizarase unha co-encarga Euskadiko Orkestra a Itziar Viloria, coa obra Oihartzun gorriak (Ecos vermellos). A RFG realizará 10 estreas máis en España.
A Filharmonía tamén reforza a súa actividade educativa e familiar cos proxectos Pulcinella, O gato con botas e Pleasure Island. Ademais, conscientes das mudanzas nos hábitos na escoita e para aqueles que se acheguen á música clásica por primeira vez, porase en marcha un novo formato de programa chamado (EN)FOCO, espectáculos comentados dunha hora de duración os venres.
Música Antiga
Tres dos concertos programados nesta temporada -en novembro, febreiro e maio- estarán protagonizados por música dos séculos XVII e XVIII interpretada con criterios historicistas. Serán viaxes nas que se reflectirán que os movementos de persoas eran un fenómeno que definiu, tamén, a historia da música. Neles contarase con dous especialistas na materia, Aarón Zapico e Enrico Onofri.
Abonos
A renovación dos pases de temporada realizarase os días 26, 27, 28, 29 e 30 de xuño no teléfono do Auditorio de Galicia (981 571 026) e os novos abonos poderán solicitarse os días 4, 5, 6 e 7 de xullo así como o 11, 12, 13, 14 e 15 de setembro no despacho de billetes do Auditorio de 11h a 14h.
Ademais, para facilitar que os novos públicos se acheguen á Real Filharmonía, crearase o novo abono (EN)FOCO, que inclúe cinco concertos, os tres do formato (EN)FOCO e dous a elixir da temporada por 50€ en total.
Por último, para abrir un novo espazo de intercambio entre o público e a Real Filharmonía, seguirase coa colaboración de Galicia Calidade. O día da inauguración da temporada, o vindeiro 5 de outubro, servirase o próximo viño ao público asistente.