Compostela, 11 de xaneiro do 2025 – A tempada de Compostela Cultura ábrese o vindeiro día 17 coa estrea absoluta do novo traballo de Teatro do Noroeste “Guerra”.

“Guerra” preséntase o venres ás 20.30 horas no Teatro Principal. Terá unha segunda función nese mesmo escenario o sábado 18. A axenda escénica da semana inclúe ademais “Camino a la escuela” unha peza de teatro familiar da compañía Campi qui Pugui que se representará o sábado ás 18 horas no Auditorio de Galicia.
A programación teatral de Compostela Cultura de 2025 pon o foco nunha das compañías máis lonxevas da escena galega. Teatro do Noroeste presenta “Guerra”, o seu espectáculo máis recente.
Escrita e dirixida por Eduardo Alonso, a obra transporta o público a un edificio teatral totalmente destruído polo bombardeo dunha guerra desatada no mesmo corazón de Europa, onde comezan a aparecer as personaxes das obras do Teatro Universal.
Todas elas encarnadas en dous actores e catro actrices: Luma Gómez, Miguel Pernas, Manuela Varela, Maxo Barjas, Sabela Hermida e Xavier Estévez. As incontables referencias ás guerras no teatro europeo, desde Shakespeare até Lorca, enchen a escena de evocadoras secuencias de caos e destrución que moven á reflexión sobre o conflito e sobre as súas representacións teatrais.
Con música de de Bernardo Martínez, escenografía e vestiario de Carlos Alonso e produción de Eva Alonso, o espectáculo é unha traxedia aderezada de comedia e ironía para dulcificar as arestas tráxicas.
En palabras do dramaturgo e director Eduardo Alonso, “Guerra trata sobre a guerra, sobre todas as guerras, as pasadas, as presentes e as futuras, as guerras das nacións e os pobos, as guerras das tribos e as guerras das persoas, dos seres humanos, as guerras exteriores pero tamén as internas”.
As entradas para o espectáculo poden ser adquiridas na web de Compostela Cultura e na Zona C (aberta de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas). En caso de existir aínda butacas dispoñibles, tamén poderán mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal o venres e o sábado dende as 19.30 horas.
Foco Teatro do Noroeste
A programación escénica de Compostela Cultura distingue en 2025 a traxectoria de Teatro do Noroeste, compañía á que dedica un dos seus tres focos temáticos. Alén das dúas representación de Guerra no mes de xaneiro, a axenda teatral do semestre inclúe en maio un pase de Gloria Nacional, tamén dirixida por Eduardo Alonso e coas interpretacións de Luma Gómez, Miguel Pernas e Manuela Varela.
As entradas para o espectáculo, programado o 24 de maio ás 20.30 horas no Teatro Principal, poden ser adquiridas xa na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C.
Teatro do Noroeste é unha compañía de teatro galega fundada en 1987. Na súa dilatada traxectoria de máis de 35 anos, ten producido e distribuído unha grande cantidade de espectáculos.
Entre estas pezas destacan textos clásicos, como Rei Lear, Macbeth ou Noite de Reis, de William Shakespeare, ou As vodas de Fígaro, de Caron de Beaumarchais; e outros máis contemporáneos, como Os Xustos, de Albert Camus; ou de autores galegos, como Historias Peregrinas e A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado, e Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro, ou o musical Imperial: Café cantante. Vigo 1936, de Eduardo Alonso, entre outros