A Unión Hotelera ven de presentar un recurso contencioso pola entrada en vigor da taxa turística. O recurso vai acompañado dun informe de dous profesores da USC.

O informe que presenta, xunto ao recurso, a Unión Hotelera está asinado polos profesores Miguel Anxo Vázquez Taín, presidente do Consello Xeral de Economistas de España, e María Bastida, doutora en Organización de Empresas.
O traballo examina a proposta, tramitación e aprobación da Ordenanza Fiscal reguladora da taxa, concluíndo que a “recarga non está justificado legalmente e incumpre o artigo 24 da Lei 5/2024”. Tras estudar os requisitos legais e analizar a súa xustificación económica, técnica e fiscal, os especialistas aseguran no seu informe que a taxa “é unha medida inxustificada e contraproducente”.
Engaden outras cuestións como o de ser unha medida “que non resolve o problema do “sobreturismo”, xa que a recarga grava a quen pasa a noite, pero non ao excursionista” ou a confusa finalidade da taxa, “se é extrafiscal ou recadatoria”, e da que di “non hai garantía de destino finalista e pode afectar negativamente a imaxe da cidade”.
O informe pericial presentado pola Unión Hoteleira determina que “non hai déficit fiscal derivado do turismo que xustifique o novo gravame”, sinalando que “o turismo xa contribúe substancialmente ao financiamento municipal”, ou que non se calcularon os custos reais dos servizos turísticos. Non hai unha estimación económica dos sobrecustos”.
Sinálase así mesmo que os datos usados para xustificar a súa implantación por parte do Concello “son irrelevantes ou erróneos, xa que a afluencia está medida por viaxeiros e non por noites reais de estancia” e que “os argumentos sobre vivendas turísticas non se sosteñen, xa que a nova normativa xa está a reducir a súa oferta”.
Pero sobre todo para os hoteleiros o informe pon o foco no incumprimento da lei, “sen xustificación sólida nin análise de impacto da recarga”, ao que considera “unha medida inadecuada e contraproducente”. Desde a entidade, que agrupa tanto a pequenos establecementos familiares como a grandes hoteis urbanos, tamén mostran a súa “preocupación” pola inminente implantación da taxa “sen ter a día de hoxe información do Concello sobre como aplicar o imposto, como se vai a fiscalizar e sen nin sequera saber o destino dos fondos recadados”.
“Non sabemos como se cobra nin que facer ante conflitos que vai xerar”, din, “xa que hai hóspedes que pagaron a sua reserva con antelación e que agora verán incrementado o seu prezo”, chamando a atención tamén sobre os establecementos que non contan cun servizo de recepción presencial para xestionar estes cambios.


