Compostela, 2 de novembro do 2023 – O foro Talentia Summit 2023 abrirase o vindeiro día 10 no auditorio do Centro Galego de Arte Contemporáneo coa presencia de varios dos profesionais que asistiran este ano.

O Talentia Summit foi presentado pola concelleira de Promoción Económica e Emprego, María Rozas, e o técnico do departamento de Emprego, Xabier Ferreiro. Un encontro que esta ano centrarase na innovación tecnolóxica e a intelixencia artificial, nos novos modelos para o desenvolvemento do talento local, e na igualdade e as políticas de conciliación.
O foro abrirá a feira de emprego o día 13 e a manterá ata o 17 nun formato híbrido, presencial e online. María Rozas dixo que se trata dun “evento que, desde o seu nacemento en 2018, foi evolucionando, adaptándose a un contexto que nestes anos estivo moi condicionado pola pandemia da Covid, e consolidándose como referente no que ten que ver coa promoción do talento”.
A concelleira engadiu que “nesta edición queremos explorar novas temáticas que entendemos que condicionan o mercado laboral de maneiras moi diferentes, como poden ser o auxe da intelixencia artificial ou a necesidade de avanzar en materia de conciliación, e tamén reivindicar outros talentos alén dos relacionados coa tecnoloxía e a innovación”. Ademais, “imos recuperar un maior peso das actividades presenciais, unha vez superada a pandemia, e contaremos coa colaboración no Talentia de entidades relevantes como a Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre ou a Cámara de Comercio”.
Foro Talentia
O Talentia Summit 2023 seguirá repartido as actividades na parte de foro e na de feira de emprego. Na xornada inaugural do día 10 están previstas as ponencias de Tino Fernández, presidente executivo do Grupo Altia e vicepresidente do Clúster TIC de Galicia; Ignacio Ramos, director corporativo de estratexia de persoas e infraestruturas do grupo tecnolóxico GMV; Alex Rayón Jerez, fundador e CEO de brainandcode.tech, exvicerreitor de Relacións Internacionais e Transformación Dixital da Universidade de Deusto e experto en intelixencia artificial; e Susana Pascual, enxeñeira, divulgadora e promotora tecnolóxica experta en disciplinas STEAM.
Á marxe da tecnoloxía e a innovación, co obxectivo de promover outros talentos e visibilizar outros modelos empresariais, no encontro está prevista a intervención de Isabel Pernas, vicepresidenta de Creativas Galegas, unha marca paraugas que reúne e impulsa a máis de 340 pequenas marcas do eido cultural e creativo galego.
Por último, e xa máis centradas na temática da conciliación e a igualdade no mercado laboral, no xornada que Talentia desenvolverá no CGAC participarán Carmen Castro, activista feminista, economista experta en modelos de benestar e políticas europeas de xénero e confundadora de LoPERSONALesPOLÍTICO; e Anna Cabó, fundadora de LaGroc Solutions, unha consultoría que traballa fundamentalmente na elaboración de plans de igualdade, protocolos contra o acoso e xestión cultural.
Feira Talentia
En canto á Feira Talentia, vaise celebrar na semana do 13 ao 17 de novembro, cun formato híbrido no que se combinarán as actividades virtuais coas presenciais. Estas últimas terán como epicentro o Palacio de Congresos.
A concelleira de Emprego explicou que “está prevista a participación de ducias de empresas líderes, que ofrecerán oportunidades de emprego, pero tamén formación e certificacións”. Ademais, destacou a colaboración de entidades como a Cámara de Comercio ou da Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre. A entidade do Tambre contará con espazos para a formación presencial no marco do Talentia. O obxectivo, sinalou María Rozas, “é ofertar recursos tanto en liña como presenciais para que os e as asistentes poidan mellorar a súa marca persoal e a súa capacitación, e acceder a información e a ofertas laborais de empresas de diferentes sectores”.
Na Feira Talentia haberá presentacións de empresas, ducias de actividades formativas presenciais, e preto de 3.000 prazas en actividades formativas virtuais. Entre estas, María Rozas destacou a colaboración coa Plataforma Linkedin Learning, “unha ferramenta de éxito internacional para o impulso profesional, na que ofertaremos 600 prazas en diferentes cursos”. Ao abeiro do Talentia tamén haberá probas oficiais para a obtención de certificacións profesionais, mentorías on line e presenciais, e webinars con expertos e expertas de empresas tecnolóxicas.