Compostela, 4 de setembro do 2024 – Os socialistas de Santiago preguntan ao goberno local pola concentración de vehículos na Sionlla, acompañan a denuncia dun vídeo que lembra en certo modo a saga “fast & furious”.
Os socialistas queren saber si se celebran de xeito legal. O vídeo corresponde á noite do pasado sábado no polígono da Sionlla. Nun comunicado advirten do “perigo que pode supor para as persoas asistentes polas altas velocidades ás que circulan estes vehículos”.
O grupo municipal socialista engade que estas concentracións son convocadas a través das redes sociais e aseguran que se celebran carreiras que “polo de agora, se descoñece se se están a celebrar ou non de xeito legal e cumprindo cos correspondentes permisos”.
Desde as filas socialistas cualifican estas imaxes de “preocupantes” e interpelan ao goberno local para que aclare “se ten constancia de estes actos a través da Policía Local”. Neste sentido esixen claridade, que se explique por parte do executivo de Sanmartín “se hai un control do que alí se fai” e, ademais, “si se están tomando medidas de seguridade”.
Resposta municipal
Desde o goberno municipal explican que “a Policía Local fai controis frecuentes na zona, porque efectivamente ten constancia da celebración deses encontros de coches”. Engaden que “ata o de agora, no que levamos de mandato, non se detectaron nin carreiras ilegais nin prácticas similares”.
Na resposta do equipo de goberno aclárase que “estas quedadas non son unha situación novidosa, senón que se ten constancia da súa celebración desde hai anos. O PSOE é consciente diso, posto que tamén se rexistraron no anterior mandato e, como tamén sabe o PSOE, a Policía exercía o mesmo traballo de vixilancia que fai na actualidade”.
Finalizan lembrando que “a vixilancia continuará para garantir a seguridade da veciñanza, como se vén facendo ata o de agora”.