Compostela, 9 de novembro do 2023 – Desde hoxe xoves, e ata o vindeiro domingo, Santiago acolle a sexta edición do Encontro Internacional de Ilustradores de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada.
O pasado mes de xullo abríase o prazo para inscribirse e en moi poucas datas quedaban cubertas as cen prazas de ilustradores que ata o domingo estarán por Santiago. O lema de esta edición de Compostela Ilustrada é “Un modo de vivir”.
Hai que destacar que Compostela Ilustrada é o único encontro de estas características na Península Ibérica, xa que despois da pandemia non volveron os de Zaragoza e Málaga; e o segundo de Europa despois do francés de Clermont Ferrand. En Lindeiros falamos con Gemma Sesar, directora do festival, ilustradora e alma mater do encontro, que nos conta que o lema nace de que o debuxo vai máis alá da afección
As redes sociais son precisamente unha das ferramentas que axudaron a que o mundo do debuxo profesional crecera. En ese sentido hoxe Compostela Ilustrada abre cunha clase maxistral de Mónica Urrutia sobre “Instagram para debuxantes”.
Debuxar é ademais algo que pode resultar curativo a nivel emocional, é un xeito de transmitir estados de ánimo e liberar emocións. Diso vai, en certo modo, a estrea en España (venres 10 as 16.15 no Auditorio) do documental Frontière(s) coa presenza da codirectora Marion Rivolier tal e como nos conta Gemma Sesar.
A xornada do domingo será tamén moi interesante xa que a praza de Praterias verá como se lle saca un uso distinto ao café. Os artistas pintarán con este material que os xornalismos usamos como unha ferramenta máis.
Cando se lle pregunta a Gemma Sesar pola climatoloxía, e o tópico da chuvia, di dúas cousas moi interesantes. Por un lado que o que ven a Compostela Ilustrada sabe que vai chover e que o calor que ofrece a cidade en esta época haberíalo que explotalo máis.
Rematamos preguntado polas actividades que a Gemma máis lle apetecen este ano pero a resposta podería aplicarse a calquera edición. A directora explica que a ela o que lle gusta é poder mostrar a cidade aos convidados.
Toda a información en compostelailustrada.com
Hai seis anos entrevistabamos a Miguel Anxo Prado tras a finalización da I edición dos Cadernos de Viaxe
Programación
Entre as actividades que se desenvolverán destacan os talleres de ilustración que se desenvolverán o venres e o sábado en lugares emblemáticos da cidade (praza do Obradoiro, Quintana, Alameda, Praza de Abastos…). Tamén o venres e o sábado celebraranse, como cada ano, a Xornadas de Ilustración Urbana, que terán por sede o auditorio de Galicia.
Outra das actividades destacadas do Compostela Ilustrada son as exposicións. Tres exhibiranse organizadas polo Encontro: Peregrinas ilustradas, Porto e Braga (de Paulo J. Mendes) e Cadernos de Lanzarote e Siracusa (de Federico Granell).
Entre as novidades desta edición destaca a estrea en España, mañá venres, do documental Frontière(s) sobre o traballo realizado polo colectivo parisino Urban Sketchers no cárcere París La Santé, da capital francesa. Outra das novidades é que a tradicional quedada do domingo será este ano temática, xa que os ilustradores achegaranse ata Platerías para pintar con café.
Non faltarán tampouco as presentacións de libros, a realización en directo do Mural Ilustrado e a convocatoria do V Premio Compostela Ilustrada.
Convidados
A sexta edición do Compostelá Ilustrada conta con cen participantes inscritos, chegados dende toda a península e outros países europeos. Aos que hai que sumar os ilustradores convidados, entre os que se atopan destacadas figuras nacionais e internacionais, como o portugués Paulo J Mendes, a paisaxista londinense Lis Watkins, debuxante, o ciclista, médico e músico francés Tazab, a tamén francesa Marion Rivolier (do colectivo Urban Sketchers de París e codirectora do documental Frontière(s)), o catalán Lluïsot (debuxante de El Jueves, La Vanguardia e El Periódico), Federico Granell (gañador, entre moitos outros, do Premio de Pintura do Principado de Asturias en 2009), Mónica Urrutia (especialista en tendencias dixitais), a galega Iria Prol (que realizará o mural ilustrado) ou Oniel Rodríguez, que dirixirá a sesión de debuxo con café que terá lugar o domingo 12.
Talleres
Durante as mañás do venres 9 e o sábado 10, de 9 a 12 horas, desenvolveranse os talleres de ilustración en distintos lugares e espazos da cidade. Este ano o Encontro buscou que os instrutores teñan perfís totalmente diferentes para enriquecer aínda máis o debuxo dos participantes.
Así, poderase aprender a «vitaminar o teu caderno», con Tazab (na praza de Abastos), a facer un retrato de corpo enteiro con Lluïsot (no barrio de San Pedro), a captar a paisaxe contrastando cores, con Marion Rivoller (nos soportáis do pazo de Raxoi) ou a debuxar a vida no parque, con Lis Watkins (na Alameda).
Xornadas De Ilustración Urbana
Tamén hoxe xoves e mañá venres, pero en sesión de tarde (a partir das 16 horas), desenvolveranse no auditorio de Galicia as Xornadas de Ilustración Urbana. Nelas presentaranse proxectos e experiencias que levaron ás e aos artistas invitadas/os a poder considerar o debuxo, ademais dunha paixón, unha profesión.
O xoves Marion Rivolier falará da súa experiencia como directora do documental Frontière(s), Paulo J. Mendes do seu achegamento ao urban sketching e como cambiou a súa vida e Federico Grandell confrontará as súas experiencias como debuxante de cadernos de viaxe en Lanzarote e Siracusa.
O venres será a quenda de Iria Prol, que falará de muralismo ilustrado; de Lis Watkins, que relatará a súa experiencia debuxando o seu «camiño pola vida»; de Tazab, que contará como foi a súa residencia artística nas illas Cíes; e de Lluïsot, coa súa ponencia sobre o retrato creativo «ou a arte de perder amigos».
Estrea en España de «Frontière(S)
O venres 10, ás 16.15 h, na sala Mozart do auditorio de Galicia, o Compostela Ilustrada acollerá a estrea en España do documental Frontière(s), un filme que recolle o traballo realizado polo colectivo Urban Sketcher de París cos reclusos do cárcere Paris la Santé, no que impartiron un ciclo de talleres de debuxo. A película está escrita e dirixida por David e Marion Rivolier (que estará presente na estrea) e é a testemuña dunha experiencia artística e humana sen precedentes no universo carceario.
Clase Maxistral, Exposicións e Debuxo con Café
A sexta edición do Compostela Ilustrada ábrese o xoves ás 16 h cunha clase maxistral de Mónica Urrutia sobre «Instagram para debuxantes».
Tamén o xoves, ás 19.30, a libraría Lila de Lilith acollerá a presentación do libro Acuarela contemporánea in situ, de Marion Rivolier.
Tres son as exposicións que estes días se colgan ao abeiro do Compostela Ilustrada. O venres 10 (13h) inaugurase no Museo das Peregrinacións a mostra Peregrinas ilustradas, na que se exhiben obras de 15 ilustradoras que teñen participado no Encontro. Tamén o venres, ás 19.30 h, na galería Metro (rúa do Xeral Pardiñas, 12) inaugúrase Cadernos de Lanzarote e Siracusa, a mostra de Federico Grandell. E o sábado 11 (13h), na sede de Turismo de Porto e norte de Portugal (rúa do Vilar, 30-32) inaugurarase a exposición Porto e Braga, de Paulo J. Mendes.
Como cada edición, o Compostela Ilustrada rematará cunha quedada o domingo pola mañá na que participan os inscritos e os convidados para debuxar algún recuncho de Compostela. A quedada deste ano terá unha particularidade e é que todos os participantes van debuxar con café. A actividade estará dirixida por Oniel Rodríguez e desenvolverase de 10.30 a 11.30 h na praza de Platerías.