Compostela, 04/06/2026 – O concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, anunciou servizo municipal de información e asesoramento en materia de aluguer que comezará este mesmo mes.
O asesoramento en aluguer é un servizo que se enmarca no Plan de medidas correctoras dos desequilibrios na zona de mercado residencial tensionado aprobado na última Xunta de Goberno Local.
O concelleiro, Iago Lestegas, concretou que este servizo municipal será prestado a través da entidade sen ánimo de lucro Provivienda e que o seu obxectivo é mellorar a información sobre as ferramentas existentes para garantir o dereito a unha vivenda digna e adecuada, así como ofrecer un acompañamento personalizado para resolver dúbidas e incidencias relacionadas co mercado de alugueiro.
O responsable municipal de Vivenda defendeu que se ben “non é posible solucionar un problema global exclusivamente dende o local”, este goberno municipal “dende o minuto cero actúa con todas as ferramentas ao seu dispor e no marco das súas competencias para abordar a crise da vivenda e facilitar o aluguer residencial”.
A partir do 15 de xuño
O servizo de asesoramento en aluguer comezará a funcionar a partir do 15 de xuño e terá, inicialmente, unha duración de 12 meses. Prestarase de forma telefónica, telemática e presencial dous días á semana en horario de 9.00 a 14.00 horas.
Os venres prestarase en modalidade presencial na sede de Urbanismo, sita no número 8 da rúa das Casas Reais, e outro día á semana prestarase por teléfono. En caso de que o día de atención sexa festivo, a atención trasladarase ao día laborable inmediatamente anterior. Habilitarase tamén un correo electrónico para responder consultas e para solicitar cita para atención presencial.
O concelleiro indicou que o luns 15 comunicarase o teléfono e o correo electrónico deste servizo nunha presentación pública na que participará tamén Provivenda. En relación a esta entidade do terceiro sector, destacou o seu coñecemento especializado xa que traballa dende 1989 para facilitar o acceso á vivenda con implantación en Santiago de Compostela, onde desenvolve varios proxectos de inclusión residencial “Queremos darlle un espazo ao terceiro sector e fomentar a súa participación no relativo ao acceso á vivenda, onde ten un gran potencial”, remarcou Lestegás.
No marco do Plan de medidas correctoras da ZMRS
Este servizo forma parte das actuacións incluídas no Plan de medidas correctoras dos desequilibrios na zona de mercado residencial tensionado (ZMRT), aprobada o pasado luns en Xunta de Goberno Local, e concretamente na medida C3: mellorar a colaboración con outras administracións e co terceiro sector. Coa súa posta en marcha, o goberno municipal dá un paso máis na implementación da súa folla de ruta en materia de vivenda.
A crecente complexidade regulatoria do mercado de arrendamento residencial motiva a posta en marcha deste servizo municipal, co fin de mellorar o coñecemento de ambas as partes sobre os seus dereitos e deberes para reforzar o cumprimento da normativa, nomeadamente tras a declaración de Santiago como zona de mercado residencial tensionado.
Servirá ademais para crear un sistema de rexistro e seguimento das consultas que permitirá elaborar informes trimestrais e un informe anual sobre a situación do mercado de alugueiro residencial en Santiago, cunha finalidade estatística.
Asesoramento a persoas a arrendatarias e arrendadoras
Tanto as persoas arrendadoras como arrendatarias poderán beneficiarse deste servizo, que proporcionará información e asesoramento sobre calquera cuestión relativa ao alugueiro residencial.
Entre outras cuestións, ofrecerá información sobre a normativa vixente, con énfase na regulación aplicable nas zonas de mercado residencial tensionado ou as modificacións recentes da Lei de arrendamentos urbanos e outras medidas con incidencia no mercado de alugueiro.
Tamén orientará as persoas arrendatarias sobre como deben proceder ante a imposición por parte das persoas arrendadoras de contratos de tempada ou fórmulas de alugueiro por cuartos que non cumpran a normativa vixente e as condicións aplicables.
Dará asesoramento ás persoas arrendatarias sobre como deben proceder en casos de incumprimento dos límites legais do prezo do alugueiro ou outras condicións aplicables aos contratos de alugueiro de vivenda.
Asesorará sobre o prezo máximo aplicable a cada contrato, sobre os dereitos e obrigas que derivan da declaración do municipio como zona de mercado residencial tensionado e sobre as demais medidas previstas na lexislación, como por exemplo os incentivos no IRPF previstos na lei para os arrendamentos de vivenda que cumpran determinadas condicións de prezo ou de perfil arrendatario. Tamén informará sobre as prórrogas aplicables aos contratos.
