Compostela, 6 de setembro do 2022 – Este martes comezou a XXXV Semana Cultural de Conxo que durará ata o vindeiro sábado día dez.
A Semana Cultural de Conxo naceu impulsada pola Asociación Arco da Vella que decidiu promover un evento que enlazara as dúas festas do barrio, a da Merced que ven de celebrarse e a de San Serapio que será a vindeira fin de semana.
A presentación do programa correu a cargo do concelleiro de Centros Socioculturais, Javier Fernández, e o técnico de cultura Xulio Noia. Durante a presentación, o concelleiro Javier Fernández congratulouse de que a Semana Cultural de Conxo sexa un “evento totalmente consolidado que constitúe un éxito ano tras ano” do que desfrutan “non só os veciños do barrio de Conxo, senón toda a veciñanza de Santiago”.
Programación
No calendario desta Semana Cultural terá lugar unha serie de actividades de diversa índole e para todas as idades, entre os que destacan diversos obradoiros: cultura de arte rupestre (martes), arqueoloxía dos sentidos (mércores), pintura ao aire libre (sábado) e danza urbana para a rapazada (sábado), así como unha mesa redonda dedicada a “O Castriño de Conxo e o proxecto de parque Compostela Rupestre” (martes).
Horarios e datas
Tes toda a programación, con todos os horarios, no folleto informativo que podes consultar aqui.
A estas actividades súmanse dúas visitas guiadas, unha nocturna ao Castriño de Conxo (martes) e outra ao Museo das peregrinacións de Santiago (xoves), e a tradicional xincana ciclista que se suma a outra de temática prehistórica.
Ademais, o Club de lectura de Conxo acollerá o mércores ás 20:00 h unha charla coa escritora Ana Cabaleiro para presentar o seu libro “Deixádenos remar”, finalista do XXXVII Premio Xerais de Novela BPM José Saramago de Conxo.
Público de todas as idades poderá tamén escoller o vindeiro venres entre unha variada oferta de espectáculos: “O eco das pedras”, unha peza de narración oral de Raquel Queizás, “Clásicos en tres minutos” do grupo de teatro mozo do CSC de Conxo, ou “As do peixe” do Teatro das Maniotas.
Todo isto verase complementado con espazos de xogo para a cativada, torneo de xadrez, cine ao aire libre, un scape room e mesmo unha proposta de rock infantil. Ademais, o vindeiro sábado a Carballeira de Conxo acollerá a tarde de festa con actividades variadas.