Compostela, 18 de abril do 2024 – Aínda que a SELIC se celebrará en xuño, o concello de Santiago ven de avanzar algúns dos convidados da edición 2024 e parte da programación.

O director da SELICA, Camilo Franco, e a concelleira da Capital Cultura, Miriam Louzao, foron os encargados de presentar estes avances. Louzao fixo fincapé en que esta oitaba edición “amplía o seu alcance internacional”, sumando ao de Adanía Shibli agora o nome de John Banville, sen esquecer coma sempre a natureza de Santiago como un “concello rico en escritoras e escritores”.
Franco destacou o obxectivo do Festival da Lectura de “converterse no evento literario galego de referencia. Que sexa relevante a nivel internacional e ao tempo, os que acudan desde fora, que vexan que aquí hai todo un universo de libros e escritores”.
Novidades
A SELIC celebrarase do 7 ao 16 de xuño. Esta edición amplía a tres os días centrados na novela negra. O director, Camilo Franco, explicou que “detectamos que non hai un festival literario dedicado a este estilo en Galicia e que o público o demanda”.
Na carpa da Quintana estarán relevantes nomes da literatura peninsular contemporánea ligados co xénero criminal como Rosa Ribas, Miguel Barrero, João Tordo ou Bieito Iglesias.
Entre os convidados destaca o do irlandés John Banville, vencellado á literatura negra baixo a sinatura de Benjamin Black. Banville está considerado un dos autores vivos máis importantes en lingua inglesa e asina unha vasta obra literaria que abarca novelas como O Mar ou O Intocable.

A súa prosa precisa, celebrada por un virtuosismo estilístico ateigado de enxeños, toques de humor negro e ironías que rozan o sarcasmo, valeulle numerosos e importantes recoñecementos como o Premio Booker, o James Tait Black Memorial Prize, o Guardian Fiction Prize, ou o Princesa de Asturias das Letras.
Desde 2006, Banville desenvolve unha carreira paralela no xénero negro baixo o pseudónimo de Benjamin Black. Libros como O segredo de Chistine, Morte en verán ou Ordes sagradas son algúns dos seus títulos máis populares, protagonizados por Quirke, un médico forense con problemas co alcol tras a morte da súa muller.
En 2014 foi escollido para realizar a primeira novela oficial de Philip Marlowe tras a morte de Raymond Chandler, La rubia de ojos negros. O irlandés asume o desafío de emular a un dos seus referentes defendendo, coma el, que o estilo o é todo.
Ademais da presenza de Benjamin Black, o Festival da Lectura continúa este ano coa súa aposta no xénero negro a través da SELIC Criminal. Neste senso, contará coa visita de Miguel Barrero, actual director da Semana Negra de Xixón, que participará nun encontro de directores de eventos de literatura policial. O escritor aproveitará igualmente para nos presentar a súa última novela, La otra orilla, un singular relato no que Barrero deixa de lado o xénero criminal para emprender unha inesperada investigación no ronsel da Commedia de Dante.
Enmarcado na SELIC Criminal o festival traerá a un dos autores que están a ser lidos no Club de Lectura Criminal que se desenvolve paralelamente na Biblioteca Pública Ánxel Casal e na de Braga Lúcio Craveiro da Silva: João Tordo. Trátase dun reputado guionista e escritor portugués, autor de Rabo de Peixe, unha das series recentes máis exitosas, así como de moitas outras obras literarias como Águas Passadas.
A carpa da SELIC acollerá outros nomes que cultivaron a novela negra con proxección internacional, como é o caso da escritora Rosa Ribas. Unha das súas personaxes máis memorables é a comisaria galego-xermana Cornelia Weber-Tejedor, que protagonizou catro dos seus libros, gozando excelente acollida en Alemaña. Desde aquela, a escritora crea outras investigadoras como a reporteira Ana Martí, Irene Ricart (A detective miope) ou a familia detectivesca dos Hernández, ao tempo que entra e sae noutros xéneros con libros como Pensión Leonardo, Miss Fifty ou Lejos. O seu título máis recente, Peces abisales, é un relato emocionante e irónico de iniciación en forma de memorias literarias.
Mais a SELIC Criminal contará tamén con representación galega. Así, uniranse ao debate autores como Bieito Iglesias, que acaba de publicar Unha gripe cabaluda. Esta continuación das aventuras do retranqueiro inspector Benito Marañao nas rúas desertas dun confinamento mergúllanos na investigación da misteriosa morte dunha moza de quince anos, nun caso no que nada é o que parece.
A estes primeiros nomes non tardarán en sumarse moitos outros, consolidando para este ano unha potente programación do Festival da Lectura. Conversas, debates, sinaturas de libros, obradoiros e paseos completarán a habitual proposta da SELIC, unha ocasión única para celebrar os libros e as letras na capital galega.