Compostela, 5 de xuño do 2024 – A SELIC, ábrese o vindeiro venres en Compostela buscando a internacionalización pero sen perder de vista a literatura propia.
A SELUC terá como convidados a autores como John Banville ou Adanía Shibli. No eido máis de país estarán o Leo de Matamá, Afra Torrado, Fernández Naval, Eva Veiga ou Rosa Aneiros. Durante dez días, a Quintana acollerá unha vintena de expositoras (librarías, editoras e institucións) e desenvolveranse máis de 60 actividades.
A palestina Adanía Shibli terá “unha homenaxe especial por parte do Festival da Lectura coa colocación cunha pedra cun dos seus versos gravados no Xardín das Pedras que Falan (Fonseca)”, en palabras da concelleira de cultura Miriam Louzao.
Camilo Franco, director do festival, explica pola súa banda que “Hai un espazo no que o internacional e o propio se cruzan, e ese lugar é a carpa da SELIC” incidindo tamén en que o evento se mantén vencellado a Santiago, quer na súa identidade quer nas historias que conta.
40 anos de Crime en Compostela
Unha das citas destacadas da SELIC será a celebración do cuadraxésimo aniversario de Crime en Compostela. Gañadora da primeira edición do Premio Xerais, a novela de Carlos Reigosa inaugura o xénero policial na literatura galega. Este bestseller protagonizado polo aventureiro Nivardo Castro e o xornalista Carlos Conde, presenta as pescudas dun asasinato arrepiante que sacode a comunidade compostelá e mostra o rostro oculto dunha cidade aínda esotérica e misteriosa.
O Festival rende homenaxe a este fito a través do seu cartel, no que aparece a pistola Star DKL do 9 curto, arma empregada para cometer o Crime en Compostela. Ademais, terá lugar unha mesa de debate arredor da importancia da obra, á que asistirán Fran Alonso, Xaquín Núñez Xabarís e o propio autor, Carlos Reigosa, así como dous paseos polos escenarios da novela e polos espazos do xénero negro na cidade, guiados polo escritor e crítico literario Mario Regueira.
SELIC Criminal
A SELIC continúa coa súa vocación de reflexionar sobre o xénero negro coa súa sección Criminal. Segundo explicaba o seu coordinador, Xaquín Núñez Sabarís, nacía coa vontade de “cubrir o baleiro nos eventos galegos dedicados a este tipo de literatura, que ten sido moi cultivada no literario, no audiovisual, no cómic…”.
Nesta segunda edición, co obxectivo de integrarse na rede de festivais negros, a SELIC Criminal acolle un encontro festivais negros, con Javier Rivero (Tenerife Noir), Javier Sánchez Zapatero (Congreso de novela y cine negro de Salamanca) e Miguel Barrero (Semana Negra de Xixón.
Esta será unha das actividades que colocarán o foco no criminal o último fin de semana do Festival da Lectura, do venres 13 ao domingo 15 de xuño. Ademais, varias mesas traerán a debate outras cuestións como os detectives de ficción, con Bieito Iglesias, Beto Luaces e Araceli Gonda; o cómic deste xénero, con Carlos Portela e Miguelanxo Prado; ou ata as tatuaxes criminais, da man de Servando Rocha.
Cómic
Entre os diferentes tipos de literatura, a SELIC manterá a atención no cómic, conciliando a autores de recoñecida traxectoria, como Miguelanxo Prado, con outras máis novas pero que apuntan maneiras, como é o caso de Afra Torrado, gañadora na Gala do Libro Galego na categoría de banda deseñada co seu traballo fago o que podo.
Prado recunca nesta edición para falar do xénero negro no cómic xunto a Carlos Portela, dentro da programación da SELIC Criminal. Entre os dous debullarán as súas obras Presas fáciles, do primeiro, e Contrition, que o segundo asina xunto a Keko.
Ademais, estará Manel Cráneo para achegar o proceso creativo da súa adaptación do longseller de Xavier Alcalá A nosa cinza, que o debuxante publica en Demo Editorial co título Cinza.
Por outra banda, Teresa Moure e a ilustradora María João Worm presentan Zeca Afonso. Balada do desterro, unha banda deseñada que achega á súa senlleira e íntima visión do cantor. Reivindicando os vínculos con Portugal.
Paseos
Ademais do paseo de Crime en Compostela, a SELIC ofrece 12 andainas para descubrir a cidade desde outra ollada. Repítense paseos que gozaron de grande éxito na anterior edición, que nos guían a través da Compostela máxica ou das gárgolas da cidade.
Igualmente, este ano poderemos volver a internarnos no Doentes de Vidal Bolaño, percorrendo as rúas nas que transcorre a peza teatral nun paseo dramatizado que medra este ano, interpretado non só por Mónica Camaño e Silda García, senón sumando a Carlos Santiago e Clara Gallo.
A presenza do teatro na cidade será a protagonista de Escenarios de Compostela, guiado por Paula Carballeira, mentres Arancha Nogueira nos levará polas pegadas moradas da cidade; e Xavier Lorenzo Tomé polas personaxes e espazos da súa Baralla de Compostela.
“Outros formatos requirirán unha participación máis activa por parte do público”, explicaba Louzao, como é o caso de Enigmas de Compostela, un xogo de pistas por equipos para atopar o Códice Calixtino, ou Pasa a noite con Meiji, caderno de viaxe nocturno, un obradoiro-paseo de pintura en acuarela. Este último forma parte da “sesión golfa” da SELIC, que estenderá o horario habitual de actividades o venres 14 e os sábados 8 e 15 de xuño.
25 de abril
Coincidindo co aniversario da Revolución dos Cravos, a SELIC aproveita para explorar os vínculos que unen este evento histórico coa Galiza. Ao fío do libro 50 anos de abril na Galiza, participará Manuel Durán Clemente, capitán da Revolución de Abril, que dialogará co profesor Roberto Samartim, un dos editores.
Ademais, a escritora galega Teresa Moure e a ilustradora portuguesa Maria João Worm achegarannos á singular e íntima visión que en Zeca Afonso. Balada do Desterro fan do cantor portugués.
Música, poesía e máis
A SELIC tampouco abandona a súa teima de traer a lectura ao directo con formatos diferentes, que con frecuencia hibridan distintas disciplinas artísticas. Esta edición do Festival virá cargada de música grazas á visita do Leo de Matamá co seu Libre de libro, de F. X. Fernández Naval e Eva Veiga co Fragor do urdido ou de Celso Sanmartín e Benxamín Otero con A cousa eterna.
A Fundación Carlos Casares traerá nas súas Coordenadas outros dous recitais: un con Ghaveta e Rexina Vega; e outro coas cegas de Ouselle acompañando a Santi Romay, que interpretará textos de Xesús Fraga.
Tamén para crianzas
A SELIC mantén a súa decidida aposta pola programación para a cativada. Nesta edición contará con diversos contacontos, algúns deles ata con ilustracións ou música en directo. Ademais, trae propostas de obradoiros que mesturan desde o ioga ata a poesía, pasando polas cartografías persoais.
Máis colaboracións
Ademais da colaboración coas Bibliotecas de Santiago e Braga e a Fundación Carlos Casares, a SELIC continúa sumando socios e socias. Desta volta, conta co apoio do Colexio Oficial Arquitectos de Galicia, os Premios Follas Novas do Libro Galego, a Asociación Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o Festival Atlántica de Narración Oral, o Centro de Estudos Humanísticos da Universidade do Minho (CEHUM) e a Biblioteca José Saramago do Concello de Santiago. A estas cómpre sumar as colaboracións con centros de ensino, que acudirán á SELIC para ter algúns encontros con escritores.