Compostela, 3 de outubro do 2022 – A Xunta de Galicia ven de aprobar o proxecto de selado do vertedoiro de MIramontes en Compostela.
O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, cualificou de boa nova esta aprobación “A partir de agora avanzaremos na clausura de selado deste vertedoiro que tantos disgustos lles leva dado a veciñanza de Miramonte e tantos problemas lle leva causado ao concello”.

O informe indica que que ” a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, no exercicio das competencias que ten atribuídas, dá a conformidade ao proxecto presentado, podéndose polo tanto iniciar as obras correspondentes ao selado do vertedoiro, incluidas no proxecto denominado “Mellora do plan de restauración do espazo natural da Canteira de Miramontes”.
A empresa Sertego, que se encargará do selado, xa introduxo por rexistro electrónico a petición para que o departamento de Urbanismo o teña en conta na tramitación da correspondente licenza de obra, xa solicitada.
En declaracións aos medios o alcalde lembrou que “temos autorización medioambiental e agora informe positivo da Xunta, e polo tanto procederemos a tramitar a licenza para que se execute canto antes”.
O selado de Miramontes
O deseño do selado de Miramontes manterá o actual acceso a través da pista situada ao sur do vertedoiro e que comunica coa pista perimetral do mesmo. O noiro final non terá unha altura superior aos 22,5 metros.
O proxecto contempla deixar unha pequena chaira lonxitudinal que permita a manobra de maquinaria pesada e as operacións de selaxe, con pendente dun 2% en sentido noroeste. A superficie real do selado é de 42.552 m2.”
Por riba de todas as capas de selado, con materiais de distintos tipos, botarase unha capa de terra vexetal seleccionada, duns 50 cm., co obxecto de contribuír a revexetación da zona con catro especies de herbas e dúas leguminosas.
O sistema de desgasificación estará formado por pozos dun metro de diámetro recheos de material horfítico limpo e conectados ao exterior con chimeneas de venteo. Dispón dun radio de acción de 37,5 metros cun total de 18 chimeneas de desgasificación, segundo se explica no proxecto.
