Compostela, 3 de xaneiro do 2022 – Se alguén pensaba que ata despois das municipais de maio o futuro da parcela de Peleteiro quedaría aparcado equivocouse.
Estes días as queixas de algúns comerciantes por non saír adiante a proposta sobre Peleteiro reabriu a discusión. A asociación Raigame e a Plataforma de comunidades veciñais sacaban este luns un comunicado ao respecto pedindo de novo moderación.
A polémica xorde polas declaracións da asociación Comercio Punto Compostela que rexeitou acudir a máis reunións “mentres este tema non se tome con responsabilidade”. Alertan tamén sobre a posibilidade que ten a propiedade de abrir un centro comercial para o que si terían licenza.
Desde a Plataforma e Raigame din lamentar estas manifestacións e engaden “Estamos seguros de que os comentarios vertidos por algúns dirixentes non coinciden co sentir maioritario do comercio do Ensanche”. Critican ademais as “manifestacións dalgúns representantes de asociacións de comerciantes e a falta de comprensión e apoio ás demandas da súa veciñanza e que tamén somos a súa clientela”.
Plataforma e asociación consideran que no pleno cumpriu a palabra dada de non sacar o proxecto adiante sen contar coa veciñanza. Aclaran tamén que “a Asociación Comercio Punto Compostela non participou nas reunións da Comisión Mixta dende a súa constitución xa que esta asociación foi constituída no 2019, poucos meses despois de chegar á alcaldía Xosé Sánchez Bugallo. Foi despois da súa presentación en setembro de 2019 que esta asociación se incorporou á citada Comisión Mixta e cuxo interés manifestou o alcalde no seu momento”.
A veciñanza anuncia que comezará cunha campaña de concienciación baixo o lema “véndese sol” para chamar a atención da cidadanía sobre este asunto xa que é un problema social que acontece en moitas cidades.