Compostela, 16 de abril do 2024 – Tres mandatos con tres alcaldes de tres formacións distintas non foron quen de sacar adiante un proxecto para a parcela de Peleteiro.
As causas foron múltiples, en algúns casos de carácter político, pero agora e a Sareb, a propietaria, a que decide rexeitar todas as ideas, as novas e as vellas. Se non hai un cambio, Peleteiro converterase nunha rúa peonil, máis locais comerciais e un bo número de apartamentos turísticos.
8 meses de negociación
O equipo de goberno de Goretti Sanmartín ven de convocar a Comisión Mixta Peleteiro para este xoves 18 de abril, ás 17:00 horas. O obxectivo da reunión é dar conta do proceso de diálogo levado a cabo nos últimos meses coa Sareb que no inicio impuxo a condición de que estas conversas se mantiveran en segredo.
Unha vez que a Sareb rexeitou todas as propostas presentadas ao longo de estes meses é o momento de explicar aos colectivos veciñais, asociacións de comerciantes e grupos políticos como foron esas negociacións.
Sanmartín explicou en rolda de prensa, acompañada polo concelleiro Iago Lestegás, que “durante os últimos 8 meses mantivemos numerosas reunións telefónicas, telemáticas e presenciais coa propiedade dos terreos, tanto con representantes de AELCA, a entidade encargada da xestión dos activos inmobiliarios da Sareb, como da propia Sareb”.
O que non se acaba de entender é porque os proxectos levados a pleno nos finais dos dous mandatos anteriores, aceptados pola Sareb, son tamén rexeitados agora. O único que mudou desde eses dous momentos foi o equipo de goberno pero iso non debería influír si todos os proxectos presentados desde a cidade seguen ofertados.
Un último cartucho
O goberno municipal non se rende a conseguir unha menos edificabilidade e más espazo público. Xa se solicitou unha reunión co Ministerio de Vivenda para tratar o tema de Peleteiro na que se pedirá a mediación da ministra.
O BNG xa tentará incluír nas negociacións de investidura esta cuestión pero o Partido Socialista non aceptou que formara parte dos acordos. Agora hai unha nova oportunidade de reconducir esa situación e intervir para que a Sareb cambie de postura.
A propietaria segue mentres tanto co plan previsto. Tras solicitar a licencia o concello comunicoulle as modificacións que ten que facer para seguir adiante. Agora a Sareb dispón de tres meses para enviar os cambios. O concello tamén comunicou a necesidade de presentar o planeamento urbanístico que, se todo está correcto, terá que ser sometido a información pública con posibilidade de presentar alegacións.
Peleteiro seguirá polo momento sendo unha illa de cemento en medio do ensanche. Como se dicía cando a televisión só era unha, segan atentos as súas pantallas.