Compostela, 12 de novembro do 2021 – Santiago(é)tapas e Santiago(é)cóctel abriron esta semana a edición 2021 nos locais gañadores da última edición.
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado do presidente da Asociación Hostalaría Compostela, Thor Rodríguez, membros da Corporación municipal e representantes das entidades e empresas patrocinadoras e colaboradoras, inauguraron o XIII Santiago(é)tapas, que durará ata o 28.
O grupo achegouse ata o local gañador da tapa tradicional na pasada edición do concurso, Casa dos Xacobes, na rúa da Algalia de Abaixo 33, para probar o petisco que presenta nesta ocasión.
En esta edición pódense saborear 59 petiscos en 38 locais As tapas dividiranse en dúas modalidades: tradicional e creativa, ambas cun prezo de entre 1,50 e 3,50 euros. Establecéronse cinco rutas ou (é)tapas que se poden consultar na páxina web santiagoetapas.gal.
Como novidade nesta edición creouse unha ruta extra veggie, con opcións para persoas vexetarianas, veganas ou flexitarianas.
Cócteles para a noite
Tamén ata o día 28 celébrase o II Santiago(é)cóctel. En este caso a inauguración de feito contou coa presenza do presidente da Asociación Hostalaría Compostela, Thor Rodríguez, o concelleiro de Turismo de Santiago, Sindo Guinarte, así como membros da Corporación municipal e representantes das entidades e empresas patrocinadoras.
O grupo achegouse ata o local gañador do cóctel creativo na primeira edición do concurso, o Pub Atlántico (Rúa da Fonte de San Miguel, 9), para probar as propostas que presenta nesta ocasión.
Co patrocinio de Cash Record e Royal Bliss, ofrecerá durante dúas semanas e media 23 cócteles de 15 locais composteláns. Os cócteles divídense en dúas modalidades: sen alcohol, cun prezo de 5 euros, e con alcohol, de 6 euros.
Todos os cócteles participantes pódense consultar tamén en santiagoetapas.gal.