Compostela, 13 de xuño do 2024 – O Pazo de San Lourenzo ábrese nunha iniciativa, “Sabor a novo”, que ademais de promocionar a artesanía local permite acceder a unha peza do patrimonio de Compostela.

Medio cento de marcas galegas de moda, xoiaría, cerámica, cestería, decoración ou mesmo alimentación participarán o domingo en “Sabor a novo”, no mencionado Pazo de San Lourenzo. A proposta de Compostela ofrecerá ademais música en directo, obradoiros de creación artesanal, e unha ampla oferta gastronómica.
“Sabor a novo” foi presentado pola concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude de Compostela, María Rozas, acompañada pola organizadora e directora de Correveydile, Mónica Mejías; a xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro; e a xerente do Pazo de San Lourenzo, Charo Barca.
Rozas salientou que “o Concello comparte todos os obxectivos da actividade, e que busca dinamizar as compras nun momento complicado para o comercio de proximidade que se enfronta a moitas dificultades fronte á competencia das vendas online”.
A concelleira destacou ademais que “Sabor a novo” terá lugar o domingo, “pechando unha fin de semana de festa no comercio local, posto que o venres e o sábado celébrase o evento Prima 24, tamén para poñer en valor o noso comercio”.
Medio cento de marcas e actividades complementarias
En “Sabor a novo” participarán medio cento de marcas galegas, que amosarán e venderán as súas coleccións de moda, xoias, bixutaría, cerámica, cestería, marroquinería, decoración ou produtos alimentarios.
Nos xardíns do Pazo de San Lourenzo haberá moitas actividades complementarias: concertos como o de Zeltia IreVire; sesións picadiscos con Peter Sélek; obradoiros de creación artesanal coas técnicas de cianotiia e gyotaku; e tamén unha interesante oferta gastronómica. A entrada ao evento, que se desenvolverá a partir das 12 horas, é de balde, e haberá un servizo de gardería-ludoteca para a cativada.
O evento “Sabor a novo” será tamén unha oportunidade única para coñecer o Pazo de San Lourenzo, un espazo privado mais incluído dentro do Patrimonio Artístico Nacional. As actividades da feira desenvolveranse tanto nos xardíns como no claustro e nos diferentes salóns do edificio, “onde se cre que Rosalia de Castro buscou inspiración para Follas Novas, onde pasaba as súas vacacións o emperador Carlos I de España e V de Alemania, e onde di a lenda que estivo encerrado Santiago Pedro Muñiz acusado de nigromante”.