Compostela, 17 de setembro do 2024 – A principios do século XX chegou a Compostela a fotógrafa americana Ruth Matilda Anderson. Percorreu Galicia e, en Santiago, pasou en distintas épocas ata 45 días que deixaron imaxes únicas e, nalgún caso, inéditas.
“Ruth e o Leviatán” é un roteiro que nace a partir de estas estancia de Matilda Anderson en Compostela e das imaxes que tomou na vila. “Leviatan” foi o nome que lle dou a súa cámara polo tamaño que tiña aínda que o mostro era tamén a cidade e un mundo, ata ese momento, descoñecido para ela.
A iniciativa foi presentada pola concelleira de Capital Cultural e Memoria Histórica, Míriam Louzao, que estivo acompañada por Xiana Iglesias, socia da cooperativa Maos Innovación Social que desenvolve o paseo. O percorrido forma parte das propostas que o Concello desenvolve ao abeiro do programa Patrimonio C, co gallo de pór en valor o patrimonio cultural inmaterial da cidade e dar a coñecer entre a veciñanza figuras e proxectos capitais na construción da súa memoria histórica.
Do 26 ao 28 de setembro, catro rutas guiadas seguirán os seus pasos pola cidade de Compostela, que visitou até en cinco ocasións entre 1924 e 1926 seguindo un encargo da Hispanic Society of America, entidade que tamén colabora no roteiro.
A concelleira salientou o traballo de Ruth Matilda Anderson no tecido “dun relato visual imprescindible da Galiza, nun caudal de instantáneas de técnica impecable e exquisita sensibilidade, co que que retratou a complexidade social da nosa comunidade a comezos do século XX, botando por terra representacións estereotipadas do país”.
Xiana Iglesias sinalou que “Ruth e o Leviatán” “permite aproximarse a un dos traballos de fotografía documental máis extensos e exhaustivos que se fixeron do noso país e á muller que o fixo posible”. Alén de revisar as fotografías que a autora realizou na súa viaxe e parte dos lugares onde se tomaron, o paseo irá salpicado de anécdotas e reflexións que Anderson compartiu no volume “Gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and La Coruna” e doutras extractadas do diario do seu pai.
A praza de Fuenterrabía, as do Toural e Mazarelos, a rúa de Tras San Fiz de Solovio, a praza de Abastos, a rúa de Casas Reais, a praza da Quintana, o pazo de Fonseca, as rúas do Franco e Entrecercas, o Colexio de San Clemente e a Alameda, conforman as 12 paradas deste percorrido de preto de dúas horas tras os pasos da fotógrafa, que funciona como unha mestura entre paseo guiado e exposición móbil, xa que nel se irán amosando tanto fotografías de Compostela de Ruth Matilda Anderson como outras da época.
A metade desas instantáneas nunca foron publicadas en Galicia e catro delas son totalmente inéditas. A primeira sesión do itinerario desenvolverase ás 19 horas do xoves 26 de setembro, o día no que se fan exactamente cen anos da súa primeira visita á cidade. As seguintes serán o venres 27, no mesmo horario, e sábado 28, en dúas quendas: ás 11.30 e ás 17.00 horas. A participación en cada un dos grupos é de balde, está limitada a 30 persoas e para asistir será preciso inscribirse a través dun formulario en liña no portal ruthmatilda.gal. O relato seguirase a través dunha radio-guía e de auriculares, polo que se recomenda que cadaquén porte os seus.
Ademais, até final de ano o percorrido poderá realizarse tamén de xeito autoguiado a través das narracións, dispoñibles tanto en audio como en texto e tanto en galego como en inglés, no portal ruthmatida.gal, onde xa se poden atopar 41 fotografías e moitos detalles da viaxe. As distintas paradas da ruta contarán con pequenos sinais situados no chan para marcar o percorrido e dar acceso a través dun código QR á narracións dispoñibles na web. A realización deste paseo autoguiado é tamén de balde e só precisa dispor dun dispositivo móbil e auriculares.
Ruth e o Leviatán’ é un proxecto do Concello de Santiago de Compostela, desenvolvido pola cooperativa Maos Innovación Social en colaboración con The Hispanic Society of America, a entidade que posúe os dereitos de autoría da obra de Ruth Matilda Anderson.