Compostela, 18 de febreiro do 2019 – O Consello directivo do Parque Compostela Rupestre decidiu que formará parte do consello científico encargado de asesorar ao organismo.
Nunha reunión celebrada na capela de urbanismo do pazo de Raxoi presentouse ademais a nova imaxe corporativa do parque Comostela Rupestre. A reunión asistiron representantes dos cinco concellos que participan do proxecto (Santiago, Ames, Brión, Teo e Val do Dubra) e máis a Deputación da Coruña.
Do Consello Asesor formará parte a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta, un arquitecto da Deputación da Coruña, a arqueóloga do Concello de Santiago, o Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, a Universidade de Santiago, a través do seu departamento de Arqueoloxía; o colectivo A Rula, e os investigadores Raquel Casal e Manuel Santos Estévez.
O concelleiro compostelán Jorge Duarte explicou que coa xuntanza de hoxe “bota a andar o traballo deste comité científico para definir os pasos a dar polo Parque Compostela Rupestre, o máis urxente a licitación do Plan Director do parque”. Duarte explicou tamén que “outros dos retos son a elaboración do proxecto museográfico e a posta en marcha do Centro de Interpretación da Arte Rupestre de Villestro”. Ademais, o Consello Asesor deberá asesorar sobre “como facer visitables e recoñecibles pola cidadanía os petróglifos máis importantes localizados nos cinco concellos, identificando cales son os mellores roteiros para facer un labor de divulgación entre a veciñanza”. O obxectivo é que “estes primeiros proxectos estean en marcha ao longo do ano 2019”.
Na reunión tamén se presentou o novo logo do Parque Compostela Rupestre, que se inspira na imaxe asociada aos petróglifos e na representación gráfica máis característica da arte rupestre galaica: as combinacións circulares e os aneis concéntricos.